A Xunta impulsa no Gaiás o primeiro centro de Galicia coa capacidade tecnolóxica para producir e exhibir proxectos de artes dixitais de máximo nivel

Contará con espazos para vivir experiencias inmersivas, salas de realidade virtual e aumentada, videomapping e laboratorios para a experimentación e a formación

O Goberno galego vén de licitar os traballos de adaptación destes sotos para que estean xa en marcha este outono e concluídos a finais de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asegura que este polo dixital suporá un “salto extraordinario na modernización do sector cultural galego”

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia vén de licitar o contrato para que Galicia conte co seu primeiro Centro de Artes Dixitais, que será tamén un equipamento de referencia en España para este tipo de tecnoloxías. A previsión é que os traballos comecen este outono co fin de que poida estar en marcha a finais do 2025.

O director xeral de Cultura do Goberno galego, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, coincidiron esta mañá en asegurar que este novo equipamento marcará “un salto extraordinario na modernización do sector cultural galego” e permitirá a Galicia aproveitar “a ventá de oportunidades que as tecnoloxías dixitais están a ofrecer como motor de desenvolvemento cultural e económico”.

O centro situarase nun espazo soterrado en desuso da Cidade da Cultura, unha superficie de 4.400 metros cadrados correspondentes ao que no seu día ían ser os aparcadoiros do Teatro da Música, un dos edificios non construídos do proxecto orixinal do Gaiás. “A apertura deste centro non supón, polo tanto, a construción dun novo edificio, senón a adaptación de sotos que xa existen e que non teñen uso”, subliñou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Nesta mesma idea abundou a directora da Cidade da Cultura, que fixo fincapé no aforro que supón situalo no Gaiás xa que, ademais de non ter que adquirirse un solar cos parámetros que se precisan para un centro destas características, aproveitaranse as redes tecnolóxicas, de enerxía e seguridade existentes no Gaiás, así como as sinerxías e conexións con outros servizos localizados na Cidade da Cultura, como a AMTEGA, o Polo GaiásTech ou o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) dependente do CSIC.

A oportunidade que ofrece a existencia deste emprazamento permitirá, polo tanto, que o orzamento de licitación sexa de 4,5 millóns (distribuídos en varias anualidades), importe que se rebaixará durante o proceso de competición pola adxudicación do contrato.

A directora xerente da Cidade da Cultura asegurou que os traballos de adaptación destes sotos non afectarán ao normal funcionamento das institucións situadas no Gaiás nin das actividades que se realizan normalmente. Do mesmo xeito, precisou que o futuro centro -que ocupará un espazo soterrado- tampouco alterará ou interferirá no valor arquitectónico singular do complexo.

Tecnoloxía de última xeración

O futuro centro contará con tecnoloxía de última xeración para vivir experiencias inmersivas e de realidade virtual e aumentada, así como zonas de videomapping para intervencións artísticas de gran formato, áreas de experimentación con laboratorios creativos e espazos para a formación da comunidade escolar e artística.

O centro porase en marcha coa vocación de converterse nun espazo de exhibición de referencia en España para acoller proxectos artísticos ambiciosos desenvolvidos a partir das artes dixitais. Ao mesmo tempo, desenvolverá unha actividade como banco de experimentación onde as xeracións de creadores e creadoras galegas atopen recursos innovadores para levar a cabo a súa acción creativa.

Anxo M. Lorenzo destacou tamén a conexión deste proxecto coa estratexia de dixitalización da cultura que está a levar a cabo a Xunta de Galicia, e situou este equipamento como unha peza clave para preservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial. Nesta aposta tamén se enmarca a futura Lei de cultura dixital de Galicia que está elaborando a Consellería dentro do Plan Xeración Cultura, onde a modernización e a dixitalización é unha das liñas de traballo prioritarias.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023