O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o director de Recursos Humanos de Stellantis Vigo e Mangualde, Pablo Ramos, asinan un acordo de colaboración

A Xunta e Stellantis colaboran na posta en marcha de tres proxectos de FP Dual con case 40 prazas en Vigo

Román Rodríguez salienta o avance cara a unha “Formación Profesional á carta” e lembra o prazo para solicitar praza remata mañá mércores

Con estes acordos confírmase a aposta da Xunta pola FP e Vigo que, xunto coa súa área ten máis de 10.000 prazas de novo ingreso, un 12% máis que o curso pasado

O IES Politécnico impartirá o ciclo superior en Mecatrónica industrial e o máster de FP en Robótica colaborativa cunha formación moi especializada

Pola súa banda, o CIFP Valentín Paz Andrade implanta o máster en Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos

Vigo, 4 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director de Recursos Humanos de Stellantis Vigo e Mangualde, Pablo Ramos, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a posta en marcha de tres programas de FP Dual no Instituto IES Politécnico de Vigo e no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade. En total, ofértanse case 40 prazas nunhas ensinanzas que a día de hoxe contan cunha inserción laboral de case o 100%.

Ao acto asistiron, tamén, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o responsable de Contratación e Formación de Stellantis en Vigo, José Manuel Cernadas; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e os directores e dinamizadores de relación coa empresa dos centros educativos implicados.

No caso do Politécnico, poranse en marcha dous proxectos, en concreto un no ciclo superior en Mecatrónica industrial con oferta parcial de Automatización e robótica industrial (9 prazas) e outro no máster de FP de nova implantación en Robótica colaborativa con oferta parcial do ciclo de grao superior de Mecatrónica industrial (14 prazas). Pola súa banda, o CIFP Valentín Paz Andrade impartirá o máster de Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, que se implanta o vindeiro curso por primeira vez no centro e que contará con outras 14 prazas.

Respostas ás necesidades de Galicia

O conselleiro puxo en valor a versatilidade da FP Dual, “que permite deseñar plans de formación específicos, a medida das necesidades das empresas, dando resposta a rápida evolución dos sectores produtivos e á necesidade de contar con persoas coa capacitación adecuada para facer fronte ao importante relevo xeracional que se está producindo”. “Os proxectos hoxe presentados son un bo exemplo disto, xa que dous deles combinan a formación de máis de un ciclo formativo ou máster, avanzando cara a unha FP á carta, coa máxima especialización”, destacou.

O alumnado dos proxectos presentados hoxe vai realizar unha ampla porcentaxe da súa formación nas instalacións de Stellantis, no marco do espírito da modalidade dual, polo que a súa cualificación vai estar completamente adaptada ás necesidades reais da empresa. Deste xeito, os titulados estarán listos para inserirse no mercado laboral de inmediato.

Neste sentido, o conselleiro quixo agradecer a implicación de Stellantis, que vén colaborando coa FP desde hai anos, tanto acollendo alumnado para a realización do módulo de formación en centros de traballo como a través da propia modalidade dual. Nos últimos cinco cursos, 164 alumnos realizaron as prácticas nas súas instalacións e 46 alumnos realizaron parte da súa formación nas súas instalacións a través da FP dual.

Román Rodríguez gabou tamén o traballo de dous centros referentes destas ensinanzas como son o IES Politécnico e o CIFP Valentín Paz Andrade. No caso do primeiro, ademais dos proxectos con Stellantis, o vindeiro curso incorpora o ciclo de grao medio de Mantemento electromecánico, tamén en dual. Pola súa banda, o CIFP Valentín Paz Andrade suma unha dobre titulación de grao medio de FP Dual en Instalacións frigoríficas e de climatización e en Instalacións de produción de calor, ademais dun máster de nova implantación en Galicia, o de Auditoría enerxética.

Aposta pola FP en Vigo

Con estes acordos confírmase a aposta da Xunta na Formación Profesional da cidade máis industrial de Galicia. Xunto coa súa área conta con máis de 10.000 prazas de novo ingreso -o que supón un 12% máis ca o curso pasado- e concentra case a cuarta parte destas para o curso que vén.

O conselleiro lembrou que ata mañá, día 5, aínda se pode solicitar algunha das 42.174 prazas dispoñibles na oferta de FP más ampla da historia, a máis flexible a adaptada ás necesidades dos diferentes tipos de estudantes. Non en balde, inclúe tanto a consolidación da FP Dual como vía prioritaria (cun incremento do 135% nas prazas nesta modalidade), como o incremento na FP a distancia, entre outras novidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023