A Xunta impulsa a FP Dual de laboratorio de análise de calidade no Politécnico de Santiago en colaboración con sete empresas biotecnolóxicas

Son un total de 22 prazas que van permitir ao alumnado complementar a cualificación que recibe no centro con períodos de formación en compañías punteiras

Román Rodríguez destaca a “frutífera relación establecida co tecido produtivo, que redunda en profesionais mellor preparados e nunha maior empregabilidade”

O Politécnico de Santiago é o centro con maior oferta de FP Dual de Galicia, un total de 13 proxectos con máis de 280 prazas

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e representantes de Bioga, GalChimia, Anfaco Cecopesca, Cetim, Altri, Lonza e ABCRlabs, asinaron hoxe un convenio para a posta en marcha dun proxecto de FP Dual no CIFP Politécnico de Santiago no ciclo de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade.

No acto participaron como asinantes a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carmen Pampín; o secretario xeral de Anfaco Cecopesca, Roberto C. Alonso; o director de operaciones España Altri, Pedro Baptista; o director de Excelencia Operacional de Lonza, Javier Areal; o responsable de Recursos Humanos de ABCRlabs, Jerónimo Vilar, e a responsable de Persoas e Talento de Cetim, Vanesa Fernández.

Son un total de 22 prazas que van permitir ao alumnado complementar a cualificación que recibe no centro educativo con períodos de formación en situacións de traballo real nestas empresas do ámbito biotecnolóxico. Neste sentido, o conselleiro salientou “a enorme vantaxe competitiva que isto supón para o alumnado que se matricule nestas ensinanzas, dado que van estar ao día das últimas novidades do sector, ao estar formándose da man de empresas punteiras”.

Deste xeito, “a modalidade dual é a vía prioritaria cara á que avanza a FP, porque prepara ao seu alumnado para saír directamente ao mundo laboral, o que queda demostrado cuns datos de inserción laboral de case o 100 %”, destacou Román Rodríguez.

Frutífera relación coas empresas

O titular do departamento educativo da Xunta quixo agradecer o compromiso das empresas colaboradoras coa FP. “A oferta deste ano, a maior da historia, con 42.174 prazas, foi deseñada da man dos centros, as empresas, os clústeres e as asociacións empresariais, para axustala ao máximo ás necesidades reais do mercado de traballo e de relevo xeracional que existen neste momento na economía galega”, explicou.

“Estamos a construír unha relación moi frutífera co tecido produtivo, que redunda tanto nun beneficio para a industria, que pode incorporar profesionais coa mellor cualificación, como para o alumnado, que cursa unhas ensinanzas de elevadísima empregabilidade”, incidiu.

Román Rodríguez quixo tamén salientar a excelencia do CIFP Politécnico de Santiago e a súa implicación coa modalidade dual. Non en balde, este centro é o que máis proxectos de FP Dual vai desenvolver en toda Galicia, un total de 13, con máis de 280 prazas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023