Lugo acolle desde mañá ata o domingo a 12ª Edición do Festival Internacional Tango Liber co apoio da Xunta

Lugo, 5 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia apoia o 12º Festival Internacional Tango Liber, que desde mañá ata o vindeiro domingo reunirá en Lugo a recoñecidos artistas do xénero para participar en seminarios, talleres e exhibicións.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, interviu hoxe no acto de presentación do programa, organizado pola asociación Tango Club Galicia. Arias agradeceulles que promovan en Lugo unha nova edición desta cita, “que xera dinamismo económico e contribúe a reforzar a imaxe da nosa cidade como un escenario idóneo para acoller actividades culturais de proxección nacional e internacional”.

Destacadas figuras do mundo do tango estarán neste encontro, como os bailaríns Roxana Suárez e Sebastián Achaval. Tamén participarán os DJs Marcelo Rojas, Ariel Yuryevic e Enrique Ringa (Arxentina), Magín López (Lugo) e Carmen Villafuerte (Sevilla). As actividades desenvólvense no Círculo das Artes e noutras localizacións de Lugo, e inclúen o domingo unha exhibición aberta ao público e gratuíta na praza Maior (a partir das 12.00 horas). A organización agarda recibir a uns 250 afeccionados procedentes de distintos puntos de España e de varios países de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023