O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avanza estas medidas na reunión da Xunta Autonómica de Directores

Galicia creará un grupo de traballo para simplificar a burocracia asociada ao ensino e redactará un manual de mantemento dos centros

Búscase establecer a simplificación da xestión administrativa que deben manexar docentes e equipos directivos no seu día a día

No referido ao manual, incluirá pautas sobre como e cando realizar tarefas de mantemento como a limpeza dos canlóns ou a revisión da caldeira
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión da Xunta Autonómica de Directores, onde avanzou a creación dun grupo de traballo para simplificar os procesos administrativos vinculados aos centros educativos. Así mesmo, o responsable de Educación da Xunta explicou que a Consellería está a redactar un Manual de Mantemento dos Centros Educativos

A primeira das medidas ten como finalidade optimizar os requirimentos burocráticos aos que fan fronte os docentes e, especialmente, os equipos directivos, para dedicar máis recursos ás cuestións educativas. “Non se trata de reducir as garantías, senón que buscamos establecer un sistema máis áxil, simplificado e adaptado ao día a día dos centros”, sinalou.

A este respecto, explicou que se promoverá a implementación de tecnoloxías que faciliten a xestión administrativa e se tratará de reducir a duplicación innecesaria de tarefas, entre outras cuestións. Todas elas abordaranse nun grupo de traballo que terá carácter permanente e que comezará a funcionar a partir de setembro.  Estará formado por docentes e expertos coñecedores do sistema educativo e distintos axentes da Comunidade escolar, co obxectivo último de acadar unha xestión administrativa eficiente que contribúa, como consecuencia, á mellora da calidade educativa.

Resposta a dúbidas comúns

Por outra banda, o conselleiro anunciou que o seu departamento está a redactar un Manual de Mantemento dos Centros Educativos. “Sodes moitos os que o piden, para dar resposta a dúbidas comúns sobre asuntos que forman parte do día a día dos colexios e institutos e que poden ir desde a limpeza dos canlóns ata a revisión da caldeira”, puntualizou.

Este documento conterá información detallada sobre os procedementos recomendados, os prazos e as pautas para desenvolver as tarefas necesarias de maneira eficiente e efectiva. Así mesmo, proporcionará orientación sobre como organizar e planificar os labores de mantemento, tendo en conta as necesidades específicas de cada centro.

“Buscamos facilitar o labor dos directores, ofrecendo unha ferramenta práctica e completa para garantir que os espazos nos que os nosos estudantes pasan gran parte do seu tempo estean en condicións óptimas”, destacou.

Un curso sen incidencias

Román Rodríguez quixo aproveitar a ocasión para agradecer o traballo dos equipos directivos dos centros para que o curso que acaba de rematar, o primeiro sen incidencia da covid en tres anos, se desenvolvese con total normalidade.

Na xuntanza abordáronse, así mesmo, outras cuestións de relevancia para o vindeiro curso como as novidades en materia de Polos Creativos, que a partir do próximo ano académico chegarán progresivamente ao 100% dos centros, entre outras.

Data de actualización: 05/07/2023