A Xunta publica os catro textos dramáticos gañadores dos seus premios Álvaro Cunqueiro, Barriga Verde e Manuel María

‘O traxe’, de Fernando Castro Paredes, e ‘Nin me amoles’, de Ana Carreira, edítanse na colección Biblioteca Dramática Galega da Consellería de Cultura e Xerais

‘Os contos do Lobicán’, de Eva Mejuto, e ‘Nas Nubes’, de José Luis Baños de Cos, súmanse á serie Barriga Verde, en Baía Edicións
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia acaba de publicar as obras gañadoras da última convocatoria dos seus catro premios de literatura dramática: o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Manuel María de textos destinados á rapazada e os Barriga Verde de escrita escénica para monicreques, tanto na modalidade de público xeral coma para o infantil. Os catro volumes, en réxime de coedición con Xerais e Baía, pódense atopar xa en distintos puntos de venda e adquirir en liña a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inclúe así na colección Biblioteca Dramática Galega o título O traxe, obra coa que Fernando Castro Paredes acadou o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2022. Trátase dun monólogo dramático que, facendo uso do humor negro, nos presenta un personaxe inquietante e complexo que, levado ao límite polas circunstancias, decide mostrarse o mundo tal e como é. 

Esta mesma colección, que a Xunta mantén xunto a Edicións Xerais, acolle tamén o texto gañador do XII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: Nin me amoles. Este título de Ana Carreira aborda temas determinantes na sociedade contemporánea en relación coa infancia a través da personaxe de Lola. Esta nena sofre abusos do seu compañeiro Mamalón; atura as impertinencias da súa veciña Meticona, e resígnase á ausencia da súa nai que, aínda presente, xamais pode xogar con ela. O volume conta coas ilustracións de Noemí López.

Teatro de bonecos en verso

Os contos do Lobicán, obra de Eva Mejuto merecente do XV Premio Barriga Verde de textos de teatro de monicreques na modalidade de público xeral, tamén se publica ilustrado grazas ao traballo da creadora Sofía Venzel. Mejuto acadou o galardón cunha proposta estética adaptada con rigorosidade ao teatro de bonecos: unha historia en verso, áxil, divertida e atrevida que procura darlle a volta ao conto ao combinar personaxes e universos propios dos contos clásicos coa temática actual.

A peza intégrase na colección Barriga Verde, serie que é froito do acordo de colaboración cultural entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e Baía Edicións, como tamén o fai Nas nubes, o texto de José Luis Baños de Cos que se fixo coa categoría de adultos do Barriga Verde.

No seu texto, Baños de Cos ofrécenos unha situación futurista e distópica na que dous guías dun novo museo lle amosan a un público erudito obxectos da era predixital. O conflito místico destes guías, que senten de súpeto que se transformaron ou que son directamente bolboretas, xorde para que o espectador reflexione sobre os avances tecnolóxicos, o futuro da humanidade ou a obsolescencia programada.

Os tres premios literarios convócanse de xeito bienal pola Xunta de Galicia para incentivar a escrita dramática galega e ofrecerlles ás compañías de teatro un catálogo de títulos actuais que poidan ser levados a escena.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023