A Xunta convoca os Premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais de música, de danza, e de artes plásticas e deseño

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de xullo

Están dotados don 1.000€ por galardoado

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios extraordinarios para o alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño correspondentes ao curso 2022/23, cos que se recoñecerá o traballo dos estudantes destas disciplinas.

Poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios, tres deles no ámbito de Música, un na Danza e dous de Artes Plásticas e Deseño. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 1.000€.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes deben contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.

Para Música e Danza deben, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal a persoa aspirante interprete tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais. Pola súa banda, as persoas aspirantes no ámbito de Artes Plásticas e Deseño deben presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorran.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de xullo. Presentaranse, de xeito preferible, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2023