A Xunta dixitaliza o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos para poñelo á disposición de toda a cidadanía

A versión en liña do libro recolle 83 ortofotos históricas e actuais que amosan a evolución da paisaxe pola que discorren as distintas rutas ao longo dos últimos 50 anos

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia activou esta semana unha páxina web para garantir o acceso de toda a cidadanía á versión dixital do Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos, un documento publicado en formato papel no ano 2022 cun total de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.

O libro dixital, ademais, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupadas en 65 capítulos, 1 por cada etapa das 9 rutas seleccionada: o Camiño de Inverno; a Vía da Prata; o Camiño portugués; a Ruta do mar de Arousa e río Ulla; o Camiño Inglés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra e Muxía.

Todos os documentos gráficos preséntanse en alta calidade nunha narración a catro páxinas e en tres idiomas —galego, castelán e inglés— que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas tanto naturais como construídas.

Cómpre lembrar que este Atlas foi elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco da chamada Colección Paisaxe Galega, unha serie de publicacións que teñen como obxectivo dar a coñecer as distintas formas de paisaxe existentes na Comunidade, fomentando a adopción de boas prácticas enfocadas á súa conservación e ao impulso da cultura do fermosismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2023