O presidente do Goberno galego visita o Centro de Innovación desta compañía no polígono das Gándaras de Lugo

Rueda destaca o apoio da Xunta ás empresas vencelladas ás enerxías renovables coa declaración como proxecto empresarial singular da futura fábrica de Norvento en Lugo

Subliña que se trata dun proxecto clave para toda Galicia, que prevé crear un millar de postos de traballo

Explica que, grazas a esta declaración, axilízase a adxudicación de terreos para levar a cabo o proxecto

Destaca a aposta da Xunta por consolidar Galicia como referente nas renovables con medidas como a Axenda Enerxética Galicia 2030 ou a futura Lei de recursos naturais que vai garantir que os beneficios destes proxectos reverten na comunidade
 

Lugo, 12 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o firme compromiso da Xunta co desenvolvemento das enerxías renovables ao apoiar ás empresas vencelladas a este eido con diferentes medidas. Entre elas, durante unha visita ás instalacións de Norvento en Lugo, destacou a declaración como proxecto empresarial singular da fábrica ‘enerxía cero’ que esta compañía vai construír no polígono das Gándaras apostando polo I+D+i.

Rueda, que puxo a Norvento como exemplo da Galicia “potente en materia de enerxía” que aposta pola sustentabilidade e a innovación, resaltou que a futura fábrica de Norvento é un proxecto clave non só para Lugo, senón para toda a comunidade. Esta planta -na que se fabricarán equipos para a xeración ou almacenamento de enerxía- vai supoñer un investimento de 50 millóns de euros coa previsión de crear preto dun millar de postos de traballo. Grazas a declaración de proxecto empresarial singular -aprobada en abril polo Consello da Xunta-, acelérase a adxudicación de terreos á compañía para que poida levar a cabo este proxecto.

O presidente, acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou que Galicia xa é un referente no sector das enerxías renovables -o 65% da electricidade xerada na comunidade xa procede destas fontes-, pero a Xunta quere reforzar aínda máis o papel de Galicia neste eido. Para iso, destacou medidas como a Axenda Enerxética de Galicia 2030 coa que o Executivo autonómico quere reducir os custos enerxéticos para as compañías, impulsar o uso de renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro así como promover proxectos industriais vencellados a este sector.

Ademais, Rueda salientou a importancia de que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais revertan na propia comunidade. Por iso, destacou a futura Lei de recursos naturais que nace con ese obxectivo dunha “eólica con sentidiño” e que inclúe a creación dunha sociedade público-privada para a xestión de proxectos enerxéticos. Nesta liña, o presidente destacou o compromiso do tecido empresarial e social galego con esta iniciativa que xa conta cunha vintena de entidades interesadas e con propostas que superan amplamente o obxectivo inicial de 20 millóns de euros de capital privado.

“Desde o convencemento de preservar o medio ambiente onde están instaladas as fontes de produción de enerxía renovable, tamén estamos convencidos de que podemos seguir medrando e de que as oportunidades que non se aproveiten en Galicia, hai outros moitos territorios próximos a nós que o van facer, polo que creo non temos que deixar pasar esa oportunidade”, destacou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023