A Xunta comezará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da autovía AG-64 en San Sadurniño, e na estrada LU-160, en Mondoñedo e Alfoz

Continuarán as actuacións en execución na estrada OU-801, que comunica os concellos de Padrenda e Ribadavia

Tamén seguirán as tarefas de acondicionamento nas marxes da vía de altas prestacións VG-4.6, que une Cangas e Bueu

As actuacións forman parte do no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa nas marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3M€ para os vindeiros dous anos

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2023

A Xunta comezará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ao paso por San Sadurniño, e na estrada LU-160, en Mondoñedo e Alfoz.

Tamén continuarán os traballos de roza e limpeza que se veñen realizando nas últimas semanas, como os que se están a acometer na marxes da estrada autonómica OU-801, que comunica os concellos de Padrenda e de Ribadavia.

Ademais, na provincia de Pontevedra, proseguirán as intervencións en execución nas marxes da autovía AG-51, no concello de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e Bueu.

Control de biomasa

Estas tarefas forman parte do novo contrato da Xunta coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 millóns de euros para os dous vindeiros anos.

Os obxectivos dos traballos son o roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como o acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, ou a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2023