A Xunta impulsa a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesán galego con apoios por preto de 2 M€

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe na Coruña o establecemento Nomad, un dos 400 beneficiarios das axudas que vén de resolver a Consellería de Economía, Industria e Innovación

O programa apoia a 156 comerciantes e artesáns da provincia, que realizarán un investimento total de preto dun millón de euros en eidos como a creación de páxinas web, o posicionamento dixital ou a adquisición de equipamentos

A Coruña, 19 de xullo de 2023 A Xunta vén de conceder apoios por preto de 2 millóns de euros a través das axudas para impulsar a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesán galego, do cal se benefician 400 negocios de toda Galicia, que realizarán investimentos por un total de 2,4 millóns de euros.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe na Coruña un dos participantes no programa, o establecemento Nomad, tenda e estudio de interiorismo que no marco desta iniciativa obtivo apoios para o mantemento da páxina web, a mellora de ferramentas de posicionamento dixital, a xestión de redes sociais e a imaxe dixital.

No conxunto da provincia da Coruña resultaron beneficiarios desta iniciativa da Administración autonómica 156 negocios, con axudas por máis de 770.000 euros cos que se impulsa un investimento público-privado de preto dun millón de euros.

Na convocatoria podían participar pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, co obxectivo de apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas para conectar co cliente e achegue unha experiencia de compra única e personalizada.  

Cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, a convocatoria conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do desempeño previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física.

Entre as actuacións subvencionables incluíase a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de posicionamento dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas neste apartado podía alcanzar os 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización podíanse obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023