A EGAP convocou 735 actividades formativas entre xaneiro e xullo

O conselleiro de Facenda e Administración Pública presidiu hoxe o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, onde se avaliaron as actividades levadas a cabo durante 2023 e a formación prevista para o segundo semestre

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou, entre os meses de xaneiro e xullo, un total de 735 actividades formativas e 39.581 prazas, dirixidas na súa maior parte ao persoal empregado público galego. Así se expuxo esta mañá no Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Ata o momento, a Escola programou 641 actividades de formación continua, tres cursos superiores, cinco cursos monográficos, oito xornadas e seis webinarios. Estas accións serviron para formar ao persoal empregado público en materias como ciberseguridade, administración electrónica, emprego público, boas prácticas na xestión pública ou novidades lexislativas, entre outras. Ademais, grazas á sinatura de convenios de colaboración con outras entidades a EGAP puido convocar 64 actividades.

A formación impartida pola Escola durante 2023 destaca pola ampla variedade de contornas de aprendizaxe, cun claro predominio da formación a distancia para facilitar a conciliación e o acceso aos cursos. Así, nove de cada dez prazas foron programadas en modalidades en liña, entre as que se atopan a teleformación, a autoformación e a telepresenza.

Por outra banda, tamén se informou sobre o incremento das actividades en materia de economía pública a través do Instituto de Economía Pública de Galicia, ao abeiro do cal se convocaron 18 cursos e 1312 prazas, unha cifra superior á dos anos anteriores.

Actividades previstas para o segundo semestre

A Escola Galega de Administración Pública ten previsto convocar nas próximas semanas 8 novas actividades en materia de economía pública e 49 novos cursos para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

A programación do segundo semestre tamén incluirá, entre outras actividades, un curso superior sobre protección de datos persoais, un obradoiro de contratación pública, unha xornada sobre a ordenación do sector eólico e un webinario sobre intelixencia artificial e selección e xestión de persoal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023