A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada da delegada da Xunta, Elvira Dominguez, visitou hoxe este centro

Fabiola García pecha a súa viaxe institucional selando un compromiso de colaboración co Hogar Español de Montevideo

Asinou un protocolo de colaboración con esta entidade por valor de 20.000 euros para seguir mellorando os coidados neste centro de atención aos galegos emigrantes máis maiores

Montevideo (Uruguai), 31 de xullo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da delegada da Xunta, Elvira Domínguez,  visitou hoxe a residencia de maiores Hogar Español de Montevideo onde asinou un protocolo de colaboración, por valor de 20.000 euros, para seguir axudando nunha mellor atención para os nosos maiores emigrados, neste centro.

A conselleira remata con esta visita a súa viaxe institucional por América Latina na que puido coñecer as historias de galegos na diáspora e tamén asinar diferentes protocolos de colaboración para seguir amosando o compromiso do Goberno galego con todos eles. En Brasil visitou os centros de día das Sociedades Rosalía de Castro de Sao Paulo e Santos, o centro Español e Repatriación de Santos, o Centro social da Casa de España e a residencia Recreo dos Anciáns, ambos en Rio de Janeiro.

Pola súa parte, durante a súa estadía na Arxentina, asinou protocolos de colaboración co Centro Gallego de Mar del Prata, asistiu ao 44º aniversario do Centro Galicia de Bos Aires, mantivo un encontro coas mulleres distinguidas co galardón Barca de Sálvora e visitou o Hogar Gallego para Ancianos de Donselaar.

Programa ‘Reencontros con Galicia’

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral de Emigración para a participación das persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas en América no programa ‘Reencontros con Galicia’. A través deste programa ofértanse 119 prazas co obxectivo de facilitar a estas persoas o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares a mediados do mes de outubro.

Esta iniciativa ten por finalidade facilitar ás persoas maiores da Galicia exterior un período de estancia na Residencia de tempo libre da Xunta en Panxón (Nigrán). Os solicitantes deben ter cumpridos os 65 anos e non poden ter participado nos últimos cinco anos nos programas de viaxes organizados pola Secretaría Xeral de Emigración. O prazo de presentación de solicitudes, que se abre hoxe, será ata o 31 de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023