A Xunta comeza as obras de saneamento do río Lameira de Marín, que contribuirán á mellora da calidade das augas da ría de Pontevedra e suporán un investimento de 3,3 millóns de euros

A intervención está a comezar por traballos de roza, a retirada de residuos ou movementos de terras, co fin de acondicionar o terreo para poder executar as obras

O obxectivo é a optimización da rede de saneamento na contorna do río, reducindo a entrada de augas brancas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia

Renovarase o colector interceptor nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe

Tamén se construirá un depósito de retención augas abaixo e actuarase na estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río

A intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que asume o custo das expropiacións con preto 79.000 euros

A actuación enmárcase no Plan de saneamento local, cun investimento autonómico de case 50 millóns de euros para apoiar aos concellos da ría de Pontevedra nas súas competencias hidráulicas

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

A Xunta vén de comezar as obras de saneamento do río Lameira, que contribuirán a unha mellor calidade das augas da ría de Pontevedra e suporán un investimento de 3,3 millóns de euros.

A intervención está a comezar por traballos previos como a roza, a retirada de residuos, a desmontaxe de cerramentos ou movementos de terras, co fin de acondicionar o terreo para poder executar as obras.

As actuacións teñen un dobre obxectivo: por un lado, reducir a incorporación de caudais de augas brancas á rede de saneamento na zona baixa do caso urbano, así como os frecuentes alivios ao medio; e, por outro, regular o sistema de saneamento da conca do río en tempo de chuvia, modulando os caudais que son derivados cara á depuradora.

Para conseguir eses fins, en primeiro lugar, está previsto sacar do río o colector actual, e procederase á renovación do colector interceptor nun treito de 1.620 metros con 5 cambios de marxe, desde a súa orixe, na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.

Ademais reporanse 10 acometidas que tamén deberán cruzar baixo a canle para conectarse ao novo colector. Está previsto, tamén, habilitar un acceso para o seu mantemento, con 3 pasarelas de madeira para salvar os cruces do río.

Tamén se actuará na estación de bombeo, que actualmente presenta deficiencias, tanto hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio; como de explotación, pola ausencia de equipos que aseguren unha xestión eficiente.

As intervención serán financiadas cos fondos europeos no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta nova actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que fixo posible rematar xa no ano 2020 as obras do novo colector e da estación de bombeo, cun investimento de 3,1 millóns de euros, unha intervención fundamental para o bo funcionamento do sistema de saneamento de Marín e para evitar vertidos contaminantes á ría.

Estas actuacións, ao igual que as realizadas e previstas en Marín, forman parte do Plan de saneamento local, co que a Xunta está a mobilizar investimentos por valor de 50 millóns de euros para apoiar aos concellos da ría de Pontevedra nas súas competencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2023