O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa listaxe das subvencións outorgadas

A Xunta concede 50 axudas para a mellora do servizo e da calidade da auga das traídas veciñais, cun investimento de máis de 570.000 euros

O obxectivo é contribuír á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas de comunidades de usuarios

Os incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto

Desde o 2020 a Xunta leva concedido 136 axudas por importe de 1,36 millóns de euros para apoiar as traídas veciñais no rural, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer ás poboacións máis afastadas
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de 50 axudas para a mellora das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento, por importe de máis de 570.000 euros.

Esta liña de axudas vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información:  http://xurl.es/ihn03

Destas axudas concedidas, un total de 44 foron outorgadas a comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra e as restantes 6 a comunidades pertencentes ás provincias da Coruña, Lugo e Ourense.

A través destes incentivos subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2023 destinados á mellora das instalacións de tratamento e almacenamento da auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulte beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 40% do importe da convocatoria destinarase ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Cómpre lembrar que a Xunta lanzou en 2020 a primeira convocatoria destas axudas, en apoio ao importante papel das traídas veciñais no rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva concedidas 136 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de máis de 1,36 millóns de euros.

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Data de actualización: 11/08/2023