Dous doutorandos realizan as súas teses no ámbito da estatística aplicada ás ciencias da vida na empresa Biostatech co apoio da Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a firma amesá

Está aberta a convocatoria 2023 deste programa conxunto das consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dotado con 1,9M€

Esta iniciativa permitiu a contratación de 30 persoas doutorandas en edicións anteriores e prevé apoiar a contratación de 15 estudantes nesta edición, favorecendo a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento
 

Ames (A Coruña), 29 de agosto de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a consultoría de bioestatística Biostatech con sede no Milladoiro (Ames) que conta con dous doutorandos que están a realizar as súas teses de doutoramento no ámbito da estatística aplicada ás Ciencias da Vida e da Saúde na empresa, co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Doutoramentos Industriais. En concreto, Biostatech poderá recibir unha axuda máxima de ata 94.000 euros en 4 anos por doutorando, apoio logrado nas edicións anteriores deste programa, para a contratación de dous estudantes de doutoramento, un da Universidade de Santiago de Compostela e outro da Universidade da Coruña.

Ambas teses doutorais enfócanse, por unha banda, no ámbito da medicina personalizada, na predición do risco dos pacientes de padecer enfermidades cardiovasculares, cancro e diabetes, entre outras, incorporando nova información destes ao longo do tempo. A segunda tese céntrase no descubrimento de proteínas do noso corpo que indiquen o desenvolvemento ou evolución dunha enfermidade (biomarcadores), mediante a análise proteómica, é dicir, a análise do conxunto de proteínas en sangue nunha condición determinada.

Argerey aproveitou a visita para lembrar que segue aberta, ata o 18 de setembro, a convocatoria de 2023 deste programa dotada con 1,9 millóns de euros. A previsión é apoiar a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia nos que desenvolverán a súa tese doutoral.

Doutoramentos Industriais, promovido polas Consellerías de Economía, Industria e Innovación e a de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, permite realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda. Os obxectivos son favorecer a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade -e con iso os procesos de transferencia-, promover a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial, e estimular a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Estas achegas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

A través das dúas edicións anteriores deste programa apoiouse a contratación de 30 persoas doutorandas industriais. Doutoramentos Industriais completa outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Principia, Oportunius, Ignicia, os programas de apoio predoutoral e posdoutoral e Investigo.

Para difundir a convocatoria están a desenvolverse xornadas online en colaboración coas tres universidades do SUG. A vindeira sesión será o 8 de setembro en colaboración coa Universidade da Coruña.

Biostatech é unha empresa de bioestatística creada no ano 2012, recoñecida como mellor spin-off de base tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela en 2022. O seu equipo interdisciplinar está composto por profesionais que traballan no ámbito da aplicación de métodos estatísticos en diversos sectores, especialmente nas Ciencias da Vida e a Saúde. Ademais de Doutoramentos Industriais, Biostatech ten participado noutros programas da Xunta de Galicia de apoio á I+D+i como as aceleradoras Agrobiotech e Bioincubatech, os programas Principia, Investigo, InnovaPeme e os préstamos IFI Innova.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023