A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta aposta polo plan da seca, a coordinación das administracións e a implicación dos cidadáns para mellorar a xestión da auga

Teresa Gutiérrez lembra que a xestión dos episodios de seca require da colaboración da Xunta, dos concellos, e dos usuarios da auga

Avanza que a vindeira semana terá lugar unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se prevé poder constatar unha lixeira mellora da situación debido ás últimas precipitacións

Sinala que a Xunta realiza un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos e encoros da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias

Remarca a importancia de que os concellos conten con Plans de emerxencia municipal ante situacións de seca, que permiten o establecemento de medidas específicas a nivel local co obxectivo de reducir a vulnerabilidade

O Goberno galego leva concedido subvencións a 109 concellos para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, mobilizando un orzamento de preto de 1,3 M€

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

A Xunta aposta por ferramentas o Plan da seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a coordinación das administracións e a implicación dos cidadáns para mellorar a xestión da auga.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou na Comisión 2ª do Parlamento que a xestión dos episodios de seca require da colaboración entre a Xunta; os concellos, responsables das redes de distribución; os xestores deses sistemas; e os usuarios da auga.

Lembrou que na Demarcación Galicia-Costa actualmente está activada a situación de prealerta por escaseza nos sistemas do río Lérez e da ría de Pontevedra, do río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o Río Anllóns e do río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

Recordou que está vixente a aplicación de medidas equivalentes á prealerta por escaseza no subsistema de Baiona. Ademais, mantense a situación de seca prolongada no norte de Galicia, desde o río Mero ata a ría de Ribadeo.

Salientou que Augas de Galicia está a realizar un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis dos ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.

Avanzou que a vindeira semana terá lugar unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se espera constatar unha lixeira mellora da situación debido ás precipitacións dos últimos días. Analizarase o estado actual das reservas hídricas e as predicións meteorolóxicas para a primeira quincena de setembro.

Apoio dos concellos

A Xunta está a realizar un esforzo constante para ter unha mellor planificación que permita anticiparse, mellorar as instalacións de abastecemento e ter máis sistemas de control para coñecer en tempo real toda a información.

Non obstante, a directora de Augas de Galicia resaltou que os concellos deben dotarse tamén dos Plans de emerxencia municipal ante situacións de seca, que permiten o establecemento de medidas específicas a nivel local, reducindo a vulnerabilidade.

O Goberno galego leva concedido subvencións a 109 concellos para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, mobilizando un orzamento de preto de 1,3M€.

A Xunta tamén outorgou 77 axudas a municipios para realizar auditorías nas redes de abastecemento, encamiñadas a obter información sobre a porcentaxe de perdas de auga, o que posibilitará tomar medidas para afrontar mellor as situacións de escaseza de auga.

Cómpre lembrar que tamén están activas as subvencións para instalar caudalímetros ou mecanismos de dixitalización para coñecer con exactitude todo o sistema de abastecemento, detectar deficiencias e proceder á reparación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2023