As novas unidades de prevención do suicidio postas en marcha pola Xunta atenderon xa máis de 1.500 persoas

As UPS contan con persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermería, e establecen un prazo máximo de 72 horas no caso de valorarse un alto risco

No 2022, a Xunta puxo en marcha unha vía rápida de atención para menores en risco medio/alto de suicidio

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

As novas Unidades de Prevención do Suicidio postas en marcha pola Xunta atenderon máis de 1.500 persoas. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na Xornada con motivo do Día Mundial da prevención do suicidio, á que tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas. Estas unidades establecen un tempo de atención non superior a sete días dende a derivación. Este tempo, -sinalou Comesaña-, redúcese a 72 horas no caso de apreciarse un alto risco.

O conselleiro detallou que as unidades contan con persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermería especialista en saúde mental que, de xeito proactivo, “garanten unha atención personalizada e continuada”.

Todas estas accións alíñanse, -remarcou Comesaña-, co Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, que xa formulaba o compromiso de contratar 241 profesionais, dos que xa se incorporaron máis da metade, prevéndose que o resto se sumen entre este ano e o que vén.

O titular da carteira sanitaria dixo que hai case un ano o seu departamento implementou, en colaboración coa Consellería de Educación, o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo, “e un dos principais fitos que permitiu acadar foi a posta en marcha do Código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio/alto de suicidio”.

Galicia é pioneira na implantación dun novo modelo de prevención na mocidade, denominado YAM e patentado polo Instituto Karolinska. Conta, para o seu desenvolvemento, cun financiamento de dous millóns de euros, a través do fondo social europeo, recentemente aprobado. Deste proxecto, o conselleiro destacou que “xa están capacitados 20 instrutores ata conformar un equipo de 50 persoas de profesionais de saúde mental e do ámbito educativo, para chegar a intervir na totalidade dos centros públicos de Galicia”. Tamén se están a formar profesionais do sistema sanitario como do eido educativo e do sistema de protección do menor.

Apoio ás entidades sociais

O conselleiro puxo en valor o apoio da Xunta ás entidades do ámbito social, “para que desenvolvan proxectos destinados a actuar sobre factores de recoñecido risco como a soidade non desexada e o illamento, e que nos axuden á difusión das liñas de axudas a familiares”. Neste ano, “temos a intención de chegar de forma directa ou indirecta a 8.000 beneficiarios”, -sinalou Comesaña-.

Na súa intervención, o conselleiro deu as grazas aos diferentes organismos e institucións que se suman a esta xornada de homenaxe. Nomeadamente, aos representantes da Xunta, das entidades do asociacionismo galego e do Consello Asesor de Pacientes, así como dos colexios profesionais e do tecido asociativo.

Tamén agradeceu Comesaña o compromiso da Fundación Araguaney, cuxo presidente Ghaleb Jaber, participou no acto, así como o do seu director, Fernando Méndez, por achegar á cidadanía esta temática dentro do marco de conferencias en saúde mental que da súa man a Xunta está a presentar este ano. Ao acto do hoxe na Consellería de Sanidade tamén asistiron a subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco; a xefa de servizo de Saúde Mental, María Tajes, e representantes do Imelga e das entidades sociais.

Para concluír a súa intervención, o conselleiro dixo que “os profesionais da institución á que represento poñémonos ao carón das vítimas e dos sobreviventes de xeito solemne nun acto que pretende render homenaxe á súa memoria e apoiar dende as institucións aos que perderon por suicidio a un ser querido”.

 

Data de actualización: 08/09/2023