Galicia adapta a súa normativa para seguir ampliando as prestacións ortoprotésicas

Sanidade publica no Portal de Transparencia o Proxecto de Orde que regula esta prestación, incorporando normativas de actualización estatais

Dende 2020, Sanidade pasou de 11 a 14 millóns de euros anuais en investimento para prestacións ortoprotésicas dos cidadáns

Mediante a aprobación do devandito catálogo, fíxase a duración mínima establecida para cada produto, así como o importe máximo de financiamento polo Servizo Galego de Saúde

A prescrición dos produtos contidos no Catálogo Xeral de Material Ortoprotésico será efectuada polos facultativos da especialidade que corresponda ao problema de saúde que orixina a prestación

Os produtos identificados no Catálogo anexo á orde publicada, unicamente poderán ser dispensados polos establecementos sanitarios debidamente autorizados
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2023

A Consellería de Sanidade publicou no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta, para envío de suxestións, o Proxecto de Orde pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia. Con esta Orde, Sanidade actualiza a normativa vixente ata o de agora, de 2013, incorporando tres actualizacións estatais.

Remarcar que dende 2020, Sanidade pasou de 11 a 14 millóns de euros anuais en investimento para prestacións ortoprotésicas destinadas á cidadanía galega.

O obxecto desta orde é aprobar o Catálogo Xeral do Material Ortoprotésico que figura como anexo á mesma. Este catálogo será de aplicación no ámbito de Galicia, e contén aqueles produtos sanitarios suxeitos a financiamento polo Servizo Galego de Saúde para as persoas con dereito a asistencia sanitaria con cargo ao departamento sanitario galego. Tamén é obxecto desta normativa, regular as condicións para a prescrición, dispensación e control da prestación ortoprotésica en Galicia, e regular o procedemento de pagamento da mesma.

Mediante a aprobación do devandito catálogo, fíxase a duración mínima establecida para cada produto, así como o importe máximo de financiamento polo Servizo Galego de Saúde.

Poderán ser beneficiarios da prestación, nos termos regulados nesta norma, as persoas con pleno dereito á asistencia sanitaria a cargo do Sergas. A prescrición dos produtos contidos no Catálogo Xeral de Material Ortoprotésico será efectuada polos facultativos da especialidade que corresponda ao problema de saúde que orixina a prestación, da rede propia ou dos centros sanitarios vinculados ao Servizo Galego de Saúde.

A renovación dos produtos, cando sexa necesaria, deberá ser indicada polo facultativo da especialidade requirida para a prescrición do produto de que se trate. Financiaranse tamén as reparacións dos produtos prescritos.

Establecementos autorizados

Os produtos identificados no Catálogo Xeral do Material Ortoprotésico contido no anexo da orde publicada unicamente poderán ser dispensados polos establecementos sanitarios debidamente autorizados. Non serán obxecto de financiamento a través da prestación do Servizo Galego de Saúde os artigos ortoprotésicos destinados a uso deportivo, nin os utilizados con finalidade estética que non garden relación con accidente, enfermidade ou malformación conxénita.

Será necesaria a verificación da correcta adaptación daqueles produtos elaborados a medida por parte do facultativo especialista correspondente, que deberá mostrar a súa conformidade. O devandito facultativo deberá comprobar que o produto entregado se axusta ás súas indicacións, ás necesidades do paciente e que estea adecuadamente adaptado ou elaborado.

O procedemento do pago da prestación, polo que respecta á súa tramitación administrativa, financiamento e concesión, será o de reintegro de gastos. As cadeiras de rodas e outros produtos do catálogo que se considere oportunos terán o carácter de recuperables para a súa reutilización mediante o servizo de préstamo, polo que deberán ser devoltos ao Sergas unha vez finalizado o seu uso.

Tal e como se recolle na normativa publicada, as persoas beneficiarias das prestacións terán liberdade de elección de entre os establecementos sanitarios dispensadores autorizados segundo os criterios de planificación establecidos polo Sergas. Ademais, poderán acudir, en caso de desconformidade coa prestación, á unidade de xestión da área sanitaria correspondente, así como presentar, no seu caso, reclamación ante a Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, poderán esixir ao establecemento sanitario durante o período de garantía, sen custo algún para o paciente, os recambios e as reparacións dos compoñentes ou produtos deteriorados por defectos imputables aos seus elementos, ao proceso de elaboración ou ao de adaptación.

Xunto ao anterior, recibirán, por parte do establecemento dispensador do produto prescrito, o certificado de garantía, ficha técnica, e folla informativa coas recomendacións precisas para a mellor conservación do mesmo en condicións de utilización normal e as advertencias para evitar o seu mal uso.

Comisión Central para o seguimento da prestación

Segundo a orde publicada, a Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia é o órgano responsable de realizar adecuadamente o seguimento da prestación. A comisión efectuará as propostas de inclusións e exclusións do catálogo vixente, e proporá as modificacións normativas que procedan en cada momento. Ademais, autorizará expresamente a prescrición e adquisición de calquera material non incluído no catálogo que se aproba nesta orde, así como a dos produtos que, estando incluídos no mesmo, precisan autorización previa da Comisión Central.

Asemade, a Comisión aprobará os protocolos que lles sexan remitidos polo Servizo Galego de Saúde para a prescrición dos produtos, e asesorará ás xerencias das áreas sanitarias do Sergas na resolución de dúbidas que se poidan presentar en relación coa prestación.

Pola súa parte, as xerencias das áreas sanitarias emitirán anualmente como mínimo, un informe de seguimento e avaliación da prestación no seu ámbito de actuación, a fin de constatar o adecuado cumprimento das normas establecidas na presente orde.

O Sergas actualizará periodicamente o Catálogo Xeral de Material Ortoprotésico, recollendo as modificacións que se determinen polo que respecta ás inclusións e exclusións e contías máximas financiadas, así como calquera outra modificación que proceda, por proposta da Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación.


Data de actualización: 10/09/2023