A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu hoxe unha pregunta parlamentaria

A Xunta salienta que a flexibilización para converter baixos comerciais en vivendas permitirá aumentar a oferta residencial e baixar os prezos dos alugueiros

Ángeles Vázquez explica que a actualización das Normas de habitabilidade permitirá que os propios concellos sexan os que determinen as zonas nas que se poderá eximir a estes baixos dalgúns requisitos ou rebaixar os criterios

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia salienta que a flexibilización para converter baixos comerciais e entreplantas en desuso en contornas urbanas en vivendas permitirá aumentar a oferta residencial e baixar os prezos dos alugueiros.

Segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en resposta a unha pregunta parlamentaria, a actualización das Normas de habitabilidade, aprobada a pasada semana polo Consello da Xunta, permitirá que os propios concellos sexan os que determinen as zonas nas que se poderá eximir a estes baixos dalgúns requisitos ou rebaixar os criterios.

Deste xeito, mantendo con carácter xeral a esixencia de protección de vistas, intimidade e ventilación nas vivendas resultantes desta adaptación, as administracións municipais poderán delimitar certos ámbitos nos que haxa a posibilidade de flexibilizar certos requisitos para que sexa máis fácil o seu cumprimento a través da tramitación dun anexo de habitabilidade.

Así, por exemplo, baixos cunha altura de 2,5 metros poderán transformarse en vivendas cando antes se requiría un mínimo de 3,2 metros. E tamén se flexibilizan as condicións que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior. Co cambio aprobado recentemente, facilítase a delimitación dos tipos de espazos exteriores aos que se deben abrir as vivendas para ter tal consideración, ao permitir aos concellos definir cales son estas zonas sen necesidade de acometer unha modificación do seu planeamento urbanístico, co aforro de tempo e recursos que isto implica.

Ademais desta medida, Ángeles Vázquez reiterou que o Goberno galego leva anos aplicando unha completa política de vivenda, que se traduciu, entre outras cuestións, no investimento de 714 millóns de euros para apoiar a máis de 140.000 familias galegas no acceso ou rehabilitación do seu fogar e na mobilización de máis de 4.600 vivendas de promoción pública.

E, de cara ao futuro, a conselleira lembrou que este ano se aprobou a Estratexia de vivenda pública e protexida que, no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2025, conta cun investimento estimado de 247,6 M€. Entre os seus grandes obxectivos, figuran o reforzo nun 50 % do actual parque público residencial propiedade da Xunta ata superar as 5.600 VPP en réxime de alugueiro, e o impulso á construción en solo público doutras 3.000 vivendas por parte de promotores privados.

A maiores, segundo subliñou a vicepresidenta segunda, o Goberno galego seguirá apostando pola rehabilitación a través do programa Rexurbe, que ten o obxectivo de obter 157 vivendas logo da compra de edificios en estado de abandono e a súa posterior restauración. E tamén continuarán concedéndose axudas para recuperar inmobles e edificios de propiedade municipal, que permitirán sumar ao parque residencial destinado a alugueiro 331 vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2023