A unidade de vixilancia de edificios xudiciais avala o servizo de seguridade previsto pola Xunta para a cidade da xustiza de Vigo
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo unha xuntanza cos responsables da unidade por parte da Policía Nacional e a Garda Civil
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023
A Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais (Uvex) avala o servizo de seguridade previsto pola Xunta para a Cidade da Xustiza de Vigo. Así llo trasladaron os responsables da unidade por parte da Policía Nacional, Vicente Rivero, e da Garda Civil, Miguel Estévez, ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, nunha xuntanza para avaliar a nova situación da seguridade xudicial en Vigo, tras a concentración de servizos na nova sede.
No encontro, os responsables da Uvex manifestaron que a seguridade da Cidade da Xustiza “está garantida e conta con todos os efectivos necesarios” conforme ao convenio co Ministerio do Interior, asinado en 2018 e que foi renovado e actualizado o pasado decembro para a súa aplicación este ano consonte á nova situación. Apuntan ademais que non é precisa a vixilancia presencial durante 24 horas.
Cómpre sinalar que, como resultado da construción da Cidade da Xustiza concentráronse nunha única sede todos os servizos xudiciais de Vigo, agás o Rexistro Civil, pasando de seis sedes xudiciais a dúas. Por este motivo, a Xunta, co aval do Ministerio do Interior, reorganizou o servizo de vixilancia para darlles resposta aos actuais riscos, características, estrutura, medios dispoñibles e necesidades do servizo.
Pódese garantir polo tanto que o servizo prestado é superior ao que se facía de maneira individual nas antigas sedes. En concreto, prestan os seus servicios nos dous edificios de Vigo, en combinación co de Redondela, 20 efectivos.