A Xunta publica o Decreto polo que se crea a rede de Nodos de Innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións

Esta rede busca que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde, acheguen as súas ideas de mellora, dando resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade

A rede facilitará ao sistema sanitario galego desenvolver unha integración áxil das innovacións tecnolóxicas e terapéuticas, unha das prioridades marcadas na Estratexia Galega de Saúde 2030

O decreto, que consta de 16 artigos, está dividido en dous capítulos. O primeiro refírese á creación, funcións e composición da Rede, e o segundo dedícase ao desenvolvemento e implantación de proxectos innovadores

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia publica, no Portal de Transparencia e goberno aberto, o Decreto polo que se crea a rede de Nodos de Innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións. Esta rede, dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo adscrito á Consellería de Sanidade, busca que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde, acheguen as súas ideas de mellora, dando resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade. A rede recolle, valoriza e acompaña estas iniciativas co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o sistema público de saúde de Galicia.

Cómpre remarcar que o Consello da Xunta desta semana abordou o comezo da Estratexia Galega de Saúde 2030, que inclúe como una das prioridades da política sanitaria para os vindeiros anos a integración áxil da innovación tecnolóxica e, a tal efecto, o departamento sanitario galego inicia o trámite, coa publicación deste decreto, dunha normativa nese sentido.

Segundo recolle o decreto, as ideas e propostas innovadoras presentadas deberán demostrar que xeran un valor para os pacientes e o sistema sanitario, mellorando a calidade de vida dos doentes ou a eficiencia do servizo sanitario no ámbito da provisión de servizos, prácticas asistenciais ou de xestión.

Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do sistema público de saúde de Galicia, regúlanse os nodos de innovación de cada unha das sete áreas sanitarias, xunto co nodo central que recae na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

O decreto, que consta de 16 artigos, está dividido en dous capítulos. O primeiro deles, do artigo 1 ao 12, refírese á creación, funcións e composición da Rede de Nodos de Innovación Sanitaria, e o capítulo segundo, dende o 13 ao 16, dedícase ao desenvolvemento e implantación de proxectos innovadores. Completa o texto unha disposición adicional única relativa á inclusión da participación nas actividades da rede de Nodos de Innovación como mérito na carreira profesional, e dúas disposicións derradeiras relativas á habilitación para a execución das súas previsións e á entrada en vigor, respectivamente.

Obxectivos

Os obxectivos da rede de Nodos de innovación son, segundo establece o decreto, promover a innovación entre os profesionais e usuarios, situando aos pacientes no centro da innovación; recoller tanto as necesidades identificadas como as ideas dos axentes do ecosistema de innovación para mellorar a experiencia dos pacientes na asistencia e os resultados en saúde; intercambiar as boas prácticas e actividades de innovación entre os nodos da rede de innovación; e trasladar os proxectos de innovación exitosos realizados nun Nodo ao resto de áreas sanitarias.

Xunto ao anterior, tamén son obxectivos da rede, avaliar de forma rápida e áxil as propostas de proxectos de innovación para detectar as máis prioritarias; axilizar os trámites administrativos necesarios para implantar as propostas prioritarias; buscar unha vía de financiamento rápido e directo para proxectos de baixo custo, compatible coa procura de convocatorias de financiamento para proxectos de maior envergadura; e, ademais, promover a formación e promoción da innovación aberta entre os seus profesionais.

Pola súa parte, as funcións dos nodos de innovación son, apoiar ao Sergas e aos profesionais das áreas sanitarias para identificar os principais retos de innovación, priorizalos e axudar na procura de financiamento; dinamizar a xeración de ideas innovadoras en cada área para lograr a súa transformación en proxectos e acadar a súa implantación; xestionar e homoxeneizar o proceso de innovación na área, dende a captación de ideas ata a xestión dos seus resultados; e dinamizar e promover proxectos de innovación sanitaria que partan desde os profesionais, pacientes ou usuarios do Sergas.

Son tamén funcións dos nodos, definir programas de formación específica para a correcta xestión de proxectos de innovación; ser a porta de acceso ás fontes de financiamento competitivo nacional – europea; dotar ás ideas ou proxectos innovadores de servizos de apoio metodolóxico e de xestión; canalizar as iniciativas de innovación de ámbito nacional e europeo nas que participa o Sistema Publico de Saúde de Galicia; e, ademais, servir de ponte para implantar boas prácticas ou ideas innovadoras que se estean levando adiante noutras áreas sanitarias.

Composición

A rede de nodos de innovación é unha rede de estruturas de coordinación despregadas nas sete áreas sanitarias do Sergas. Establécese un Nodo Central de innovación, que realizará as funcións de coordinación da rede. Dependente da Xerencia de cada unha das sete áreas sanitarias constituirase un Nodo de innovación, do que formará parte un coordinador.

O Equipo do Nodo de innovación da área sanitaria contará cos membros que se consideren axeitados de acordo coa estrutura e as necesidades da mesma, ata un máximo de 15 membros.

O decreto tamén establece que para garantir o bo funcionamento e canalización das actividades e proxectos de innovación do nodo, recoméndase que o equipo conte na súa composición con persoal de perfil sanitario, administrativo e de tecnoloxías da información. Ademais, deberán estar representados todos os distritos sanitarios que conforman a área correspondente. Incluiranse profesionais pertencentes tanto á atención hospitalaria como a primaria.

Data de actualización: 17/09/2023