A Xunta executa traballos de conservación e limpeza en treitos interurbanos de cinco ríos en Cariño

As tarefas están a levarse a cabo no río Murela, no rego do Seixo, e en tres ríos innominados, no seu percorrido por distintos lugares do municipio
 

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións
 

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de preto de 5,5 km
 

As tarefas céntranse na roza selectiva puntual e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos
 

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de cinco ríos ao seu paso polo concello de Cariño.  

Os traballos están a levarse a cabo no río Murela, no rego do Seixo e en tres ríos innominados, no seu percorrido por distintos lugares do municipio.   

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de preto de 5,5 quilómetros.  

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas. 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos. 

Data de actualización: 18/09/2023