O director do Instituto de Estudos do Territorio participou nunha xornada formativa organizada por Lugomadera
A Xunta pon en valor o papel do visor cartográfico para facilitar o traballo da industria madeireira
Enrique de Salvador explica que o obxectivo é saber, dunha forma rápida e sinxela, se as parcelas nas que se van levar a cabo cortas teñen algún tipo de afección
A Xunta valora a información cartográfica recollida no visor desenvolvido polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), órgano dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para facilitar o traballo da industria madeireira.
Así, os mapas inclúen capas con información sobre as redes hidrográfica e viaria; os espazos con algún tipo de protección patrimonial, tanto cultural como natural, así como se está incluída no Dominio Público Marítimo Terrestre. De feito, segundo salientou o director do IET, o visor permite “homoxeneizar” as diferentes afeccións con independencia de quen sexa o órgano dependente.
Nesa liña, cómpre lembrar que o Instituto de Estudos do Territorio conta coa colaboración dos diferentes organismos, que, periodicamente, aportan os datos necesarios para que esta ferramenta cartográfica ofreza unha información actualizada que facilite a planificación da xestión forestal.