A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos no concello de Valga

Os traballos estanse a desenvolver nos ríos Valga, Louro e un rego innominado ao seu paso polas parroquias de Xanza, Valga, Campaña, Cordeiro e Setecoros

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 10,5 km

As tarefas céntranse na roza selectiva puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza de tres ríos, no concello de Valga.

Estas intervencións estanse a desenvolver no río Valga, ao seu paso polas parroquias de Xanza, Valga e Campaña; no río Louro, en Cordeiro, Xanza e Setecoros; e nun río innominado, en Valga.

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións.

As actuacións nestes ríos desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total que rolda os 10,5 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023