A Fundación BOFILL visita bibliotecas escolares galegas para exportar a Cataluña o modelo de éxito da Xunta

Unha expedición desta entidade reuniuse con técnicos da Asesoría de Bibliotecas da Consellería de Educación para coñecer polo miúdo as accións neste ámbito

Desprazáronse ata os colexios CEE Manuel López Navalón (Santiago) e CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e ao Instituto de Brión para ver os seus recursos

Tamén visitaron o Centro de Innovación Educativa e Dixital e o Centro de Formación e Recursos da Coruña

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2023

A Fundación Bofill visitou esta semana Galicia para coñecer de primeira man as bibliotecas escolares da nosa Comunidade. O obxectivo desta entidade é exportar o modelo de éxito da Xunta neste ámbito a Cataluña a través dun novo proxecto, Biblio [tech], que están a impulsar. Xunto a eles, e como membros da expedición, viaxaron representantes da Universidade Politécnica de Cataluña e de outras entidades relacionadas co ámbito educativos como Escuela 21, GAIA e Vull Aprendre.

Os membros expedición reuníronse con técnicos da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para estudar polo miúdo os diferentes programas que se desenvolven neste ámbito, que a Fundación Bofill considera como referentes no eido da innovación, creatividade e cultura dixital. Así mesmo visitaron o Centro de Formación e Recursos da Coruña e o Centro de innovación Educativa e Dixital, onde foron recibidos pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández.

Para coñecer in situ o modelo, a expedición desprazouse ata as bibliotecas escolares do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago), do Colexio CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e do Instituto IES de Brión. Nelas puideron asistir en directo ao funcionamento de iniciativas como Radio na Biblio ou comprobar a transformación dos espazos realizada ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que chega a preto do 80% dos centros públicos galegos.

Referente a nivel estatal

As bibliotecas escolares galegas son un referente a nivel estatal, con puntuacións superiores á media estatal (en torno a un 20%) na meirande parte das dimensións contempladas no informe estatístico Bibliotecas Escolares en España que cada catro anos realiza o Goberno Central, destacando en ítems como a calidade dos espazos de aprendizaxe, as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou a formación en diversidade e igualdade.

Froito dos programas desenvolvidos nestes espazos, o alumnado galego rexistrou o terceiro posto de España en competencia lectora no último informe PISA, con 494 puntos, 17 puntos por riba da media española (477 puntos) e por riba das medias da OCDE (487) e da Unión Europea (489).

O obxectivo da visita da Fundación Bofill é aprender dos diferentes programas desenvolvidos nas bibliotecas escolares galegas, especialmente en relación coa cultura dixital e o papel destes espazos como laboratorios de aprendizaxe multimedia e interdisciplinarias e aplicar este modelo no seu proxecto.

Biblio [tech],enmarcado naestratexia de Equidade Dixital da entidade, é un proxecto piloto para transformar 16 bibliotecas escolares en clave de cultura dixital, multi-alfabetización e equidade. O proxecto quere ser un punto de inflexión nas políticas públicas, para que las bibliotecas escolares estean no centro da transformación educativa, o fomento do hábito lector e a xustiza social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2023