A Xunta establece para o 14 de decembro a toma de posesión dos predios de substitución da parcelaria de Tremoedo, en Vilanova de Arousa

Así o determina unha recente resolución da Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Dende esa data, os veciños interesados no proceso disporán de dous meses de prazo para presentar as súas reclamacións

A zona de Tremoedo abarca 419 hectáreas, distribuídas en 5.704 parcelas, cunha superficie media de 735 metros cadrados correspondentes a 1.316 propietarios

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

Os propietarios da zona de concentración parcelaria de Tremoedo, no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa, poderán tomar posesión dos predios de substitución resultantes do acordo de reestruturación o vindeiro día 14 de decembro de 2023.

 

Así se establece nunha recente resolución da Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, sobre este asunto. Dende esa data, os veciños interesados no proceso disporán de dous meses de prazo para presentar a correspondente reclamación de falta de superficie e para dispoñer dos medios de defensa legalmente establecidos como persoas titulares, fronte a terceiros.

 

En todo caso, a devandita data de toma de posesión será obxecto de notificación individual a todos os propietarios da zona, que abarca unha superficie de 419 hectáreas, distribuídas en 5.704 parcelas, cunha superficie media de 735 metros cadrados. O número de propietarios é de 1.316.

 

As leiras de reemprazo resultantes son 2.030, cunha superficie media por leira de 2.064 metros cadrados. Antes do proceso, a media de parcelas por propietario era de 4,3 e reducíronse a 1,5 como consecuencia da reordenación da propiedade. Esta reorganización, xunto coa que se está desenvolvendo en Baión -actualmente en fase de Bases Definitivas, e cunha superficie de 698 hectáreas- supón un total de 1.117 hectáreas en proceso no termo municipal de Vilanova de Arousa.

Data de actualización: 23/09/2023