Diego Calvo sinala o compromiso da Xunta co labor policial como garante da seguridade cidadá e da protección do patrimonio

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na entrega de distincións enmarcada nos actos institucionais do Día da Policía en Compostela

Incidiu na necesidade de que o Goberno central complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, actualmente ao 70%, como lle vén reclamando Galicia nos últimos anos
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe en Compostela na entrega de distincións enmarcada nos actos institucionais do Día da Policía, onde reafirmou o compromiso da Xunta co labor policial como garante da seguridade cidadá e da protección do patrimonio. Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na necesidade de que o Goberno central complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, actualmente ao 70%, como lle vén reclamando Galicia nos últimos anos.

 

Para o vicepresidente primeiro, a entrega que demostran os membros do corpo policial no seu traballo diario esixe recoñecemento e reciprocidade tanto institucional como social, con respecto e medidas de apoio que en Galicia pasan polo incremento do persoal demandado pola Xunta para a unidade autonómica.

 

Pese a contar cun cadro de persoal previsto de 500 efectivos, neste corpo policial a cifra reduciuse nos últimos anos ata os 355, ao tempo que medraron as competencias. Así, ademais de garantir a seguridade cidadá, a Policía Autonómica encárgase de materias como a protección das vítimas da violencia de xénero, a investigación dos lumes forestais, a loita contra o furtivismo ou a vixilancia do patrimonio e das rutas xacobeas, entre outras.

 

Diego Calvo referiuse ao Día da Policía como unha celebración que debe contribuír a facer visible o traballo que desenvolven os membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado “ao longo de todo o ano, os 365 días e as 24 horas”. Un labor discreto, apuntou, ao que hoxe coa entrega de medallas “se lle poñen nomes e apelidos” para recoñecer tanto traxectorias como actuacións específicas.

O acto conmemorativo contou tamén coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal. Neste ano outorgáronse 17 distincións, nove en recoñecemento ás carreiras profesionais, sete por participacións en operativos e unha á fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Carmen Eiro, pola súa colaboración co labor policial na loita contra os delitos ambientais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023