A Xunta ultima a mellora do firme na ponte sobre a estrada autonómica OU-536 en Xunqueira de Espadanedo

Hoxe mesmo a nova capa de rodaxe da ponte quedará rematada, atendendo así á petición realizada polo Concello de Xunqueira de Espadanedo

Esta intervención forma parte das obras de rehabilitación do firme en 5 vías da provincia de Ourense ao paso por 17 concellos, cun investimento autonómico de 3,6 M€

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023
 
A Xunta ten previsto rematar hoxe as obras de mellora de firme na ponte sobre a estrada autonómica OU-536, que une Ourense e A Pobra de Trives, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Esa actuación enmárcase nos traballos de rehabilitación do firme iniciados o pasado mes de agosto en cinco estradas autonómicas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos, ás que se está a destinar un investimento global de máis de 3,6 M€.

No caso específico da estrada OU-536, hoxe mesmo a nova capa de rodaxe quedará rematada, dando así resposta á preocupación trasladada desde o Concello de Xunqueira de Espadanedo polo estado de conservación do firme na ponte.

Así, tras realizar as inspeccións necesarias, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas constataron que esa ponte sobre a OU-536 en Xunqueira de Espadanedo non presenta ningún problema de tipo estrutural, se ben o firme estaba deteriorado, polo que se considera prioritario actuar nese punto.

Deste xeito, a través destes traballos deuse resposta aos problemas identificados na ponte, relacionados co mal estado do firme. Concretamente, no caso da estrada OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo estase a mellorar o firme nun treito total de 5,5 km cun investimento de 471.000 €.

O conxunto dos traballos

Os traballos de rehabilitación do firme comezaron no verán pola estrada OU-801, en Cortegada, e continúan nas demais estradas previstas no contrato, é dicir, na OU-193, OU-536 ademais de en Xunqueira de Espadanedo, no resto dos concellos da traza, na OU-412 e na OU-101.

As tarefas que se acometen nestas cinco vías autonómicas benefician aos concellos da Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Cortegada, Esgos, Maceda, Melón, Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Parderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río e Xunqueira de Espadanedo.

Os traballos céntranse na rehabilitación do firme para actuar nunha lonxitude de máis de 120 km de vías autonómicas, mediante fresado, de 5 ou 10 centímetros de espesor, segundo o grado de deterioro existente, a reposición da capa de rodaxe e o repintado da sinalización e marcas viarias nestas cinco vías autonómicas ao paso por 17 municipios da provincia.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023