A Xunta activa o pagamento inmediato das axudas que complementan o bono social de electricidade e que chegarán a máis de 9.600 familias

Estes apoios, aos cales se destinan 4,5 M€, substitúen o Bono social eléctrico galego mediante o pagamento automático do 100 % da axuda sen necesidade de presentar solicitude

As axudas increméntanse nun 50 % e alcanzan os 450 euros e, no caso de familias numerosas, os 675

O Goberno galego leva apoiando ás familias galegas no pagamento das súas facturas eléctricas desde 2014, con diferentes axudas ás cales xa se destinaron máis de 12,5 M€

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe do inicio de forma inmediata do pagamento das axudas que complementan o Bono social de electricidade do Estado, ao cal se destinarán 4,5 M€, máis do dobre que o ano pasado, para chegar a un total de 9.616 familias galegas, “o que supón un 60 % máis co ano anterior (5.900)”, valorou. Ademais, tamén se incrementa un 50 % a contía que recibirán, que pode chegar ata 675 euros no caso das familias numerosas. 

Na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, Rueda puxo en valor que o Goberno galego ten activas desde 2014 axudas para paliar a situación de necesidade na que viven algunhas familias polo aumento de prezos da electricidade e garantir deste xeito que todos os fogares poidan facer fronte á factura da luz. Unha forma de facelo era a través do bono social eléctrico galego, polo que a Xunta sufragaba a metade da factura anual aos colectivos máis vulnerables, cun máximo de 450 euros. 

No entanto, este ano a Xunta vai substituír este bono por unha axuda complementaria a todas aquelas persoas beneficiarias do bono social de electricidade de consumidor vulnerable severo  do Goberno central –as que teñan concedido este bono a 31 de decembro do ano anterior- “e que ademais sexan receptoras da Risga, do ingreso mínimo vital ou dunha pensión non contributiva”, precisou o presidente galego. 

Para a concreción dos beneficiarios tivéronse en conta os últimos datos dispoñibles da Consellería de Política Social e Xuventude para a tramitación do Bono térmico, así como a situación de vulnerabilidade na data de cruzamento dos datos.  

Co novo procedemento gánase en axilidade e garántese que os beneficiarios poidan cobrar o 100 % das axudas, pois o pagamento é unha concesión directa que o beneficiario recibirá na súa conta bancaria sen ter que realizar a solicitude. 

Con estes apoios, o Goberno galego pretende paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables en risco de exclusión social e compensar os gastos necesarios para garantir a subministración de enerxía eléctrica. Así, a Xunta de Galicia segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas eléctricas, un camiño que iniciou en 2014 coas axudas do Tícket eléctrico e que se foron adaptando ás novas necesidades. Así, desde entón, destináronse máis de 12,5 M€ ás familias galegas.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023