A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou nun relatorio no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades

A Comisión Europea pon a Galicia como exemplo do éxito do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía

Sagrario Pérez salienta o traballo desenvolvido pola Xunta desde que puxo en marcha, en 2018, a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos pasando de 22 concellos adheridos naquel momento aos 285 actuais

Bruxelas, 11 de outubro de 2023 A Comisión Europea pon a Galicia como exemplo do éxito do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, tal e como se puxo de manifesto durante un dos eventos celebrados no marco da celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades no que participou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, xunto co ministro rexional de Puglia (Italia), Allessandro Delli Noci, e o viceministro de Flandes (Bélxica), Bart Somers.

Durante o relatorio O pacto dos alcaldes: xuntos por unha acción ambiciosa en materia de clima e enerxía, a directora xeral destacou o traballo desenvolvido polo Goberno galego desde que puxo en marcha, en 2018, a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos pasando dos 22 concellos adheridos naquel momento aos 285 actuais.

Ademais, case o 93 % deses concellos adheridos xa presentaron o correspondente Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), que é unha folla de ruta indispensable para mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.

Sagrario Pérez tamén lembrou que a Xunta convocou o pasado mes de xuño unha liña de axudas, cun orzamento de preto de 800.000 euros, para apoiar aos concellos no cumprimento dos obxectivos asumidos nos seus respectivos PACES e, a maiores, está a ultimar a que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que considerará a cuestión climática como un valor prioritario en todas as políticas que se desenvolvan na Comunidade.

Nesa liña, a directora xeral, logo de insistir en que a Xunta seguirá promovendo a adhesión de todos os concellos de Galicia a esta iniciativa, subliñou a importancia de que as autoridades locais e rexionais desenvolvan mecanismos de gobernanza multinivel de cara a acadar os obxectivos climáticos marcados pola Comisión Europea para facer fronte ao quecemento global.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023