O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá nesta reunión celebrada por videoconferencia

Galicia apoia acoller a 28 nenos e adolescentes non acompañados que chegaron a Canarias e a Ceuta

Durante a conferencia sectorial de Infancia celebrada hoxe deuse a coñecer o reparto realizado polo Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 de 380 menores non acompañados que chegaron a estas Comunidades

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

Galicia mostrou hoxe o seu apoio a acoller na comunidade autónoma a 28 dos 380 nenos e adolescentes non acompañados que chegaron ás costas de Canarias e Ceuta. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na conferencia sectorial de Infancia na que, entre outros asuntos, se abordou este reparto entre as Comunidades Autónomas.

O director xeral apuntou que a Xunta volveu amosar a súa colaboración e axuda neste ámbito porque, lembrou, Galicia é unha Comunidade solidaria e comprensiva ante a situación de emerxencia que están a vivir outras zonas de España como Canarias, Ceuta e Melilla. De feito, o reparto contou cun amplo consenso e só recibiu unha abstención e ningún voto en contra.

Por ese motivo, sinalou, o Goberno galego amosou sempre a súa disposición a seguir axudando e a acoller o número de menores que foi asignado polo Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, tal e como se vén realizando noutras ocasións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023