O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración da nova sede de Feafes Galicia e na conmemoración do Día mundial da saúde mental

Rueda destaca que o Plan galego de saúde mental, dotado con 80 M€, permitiu incrementar os recursos, prazas e servizos dispoñibles

Asegura que o Goberno galego xa traballa na folla de ruta a seguir neste eido a partir de 2024, cando remata a execución do actual Plan

Destaca a importancia de xeneralizar a presenza de psicólogos clínicos nos centros de atención primaria para atender “a saúde integral” da sociedade

A Xunta porá en marcha, antes de que remate o ano, a nova unidade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil en Vigo

Nesta lexislatura se pasará de 0 a 7 hospitais de día destinados a atender aos nenos e mozos con estas doenzas

Agradece o labor de todo o tecido asociativo que traballa neste ámbito
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa saúde mental, que se reflicte no Plan galego de actuación neste eido ata 2024, dotado con 80 millóns de euros e que permitiu nestes anos incrementar os recursos, prazas e servizos dispoñibles para estas persoas. “A sáude mental é saúde. Fixéronse grandes avances, pero aínda queda moito por facer”, resaltaba o presidente que asegurou que o Goberno galego xa traballa en deseñar “o que hai que facer” no eido da saúde mental “a partir de 2024”.

Así o explicou hoxe durante a súa participación da nova sede de Saúde Mental Feafes Galicia, acto no que na tamén se conmemorou o Día mundial da saúde mental. Na visita, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, resaltou o gran labor que realizan estas entidades e a necesidade de romper cos tabús sobre este tipo de patoloxías. “As enfermidades mentais existiron sempre, pero antes era un tema do que non se falaba, que se evitaba, que non afloraba. Era un erro”, indicou Rueda, quen salientou a necesidade de “normalizar” os problemas de saúde mental e “apoiar, acoller e dar unha oportunidade” a quen os padece.

Entre algúns dos avances que está impulsando a Xunta neste campo, está a futura posta en marcha dunha nova unidade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil en Vigo, destinada aos nenos e mozos que precisan ingreso. A previsión é que comece a funcionar antes de que remate o ano e, coa súa apertura, Galicia duplicará a súa capacidade de ingreso neste tipo de prazas. 

Ademais, tamén se está reforzando a atención infanto-xuvenil a quen non precisa ingreso. Actualmente, xa funcionan hospitais de día de saúde mental para os máis mozos en Vigo, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Ferrol. Antes de final de ano estará en marcha o de Coruña, e en 2024 o de Pontevedra. Isto suporá pasar de 0 a 7 hospitais de día nesta lexislatura.

Na súa intervención, Rueda tamén recordou a aposta da Xunta por reforzar o persoal especializado en saúde mental -cos orzamentos de 2024 completarase a creación de 240 prazas nestes servizos- e o recente anuncio, adiantado no Debate de política xeral desta semana, de que o Goberno galego irá xeneralizando a presenza de psicólogos clínicos nos centros de saúde. “Hai que ofrecer este servizo para atender a toda a poboación que demanda que se lle presten servizos para a súa saúde integral e polo tanto tamén para a saúde mental”, salientou.

Por último, puxo en valor tamén o traballo que se está facendo no ámbito educativo e agradeceu o compromiso de entidades como Feafes que, a miúdo, chegan a onde a administración non pode.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023