A Xunta pón en valor o legado do Seminario de Estudos Galegos cun programa didáctico e de visitas especiais ao redor da exposición Luz na terra no museo Gaiás

Ramón Villares, comisario da mostra e un dos historiadores máis destacados de Galicia, comeza o martes 17 de outubro este programa de visitas especiais conducidas por algúns dos maiores expertos na historia do Seminario de Estudos Galegos

O ciclo de visitas continuará coa vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, Mª Xosé Fernández Cerviño, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas

A programación didáctica inclúe catro sesións de obradoiros organizados en colaboración coa Fundación Castelao e destinados a que nenos e nenas se acheguen á exposición dun xeito lúdico e didáctico

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2023

Coincidindo co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a Xunta de Galicia organiza no Gaiás un programa especial de actividades ao redor da exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura. Co propósito de achegar a toda a cidadanía o legado do Seminario, esta programación inclúe tanto obradoiros didácticos para a rapazada como un programa de visitas especiais para público adulto, conducidas por algúns dos maiores expertos de Galicia na historia desta institución determinante na construción da nosa identidade.

O martes 17 de outubro, só cinco días despois da xornada en que se cumpriron 100 anos daquela andaina a Ortoño que dou comezo oficialmente á historia do Seminario de Estudos Galegos, o comisario da exposición Luz na Terra, Ramón Villares, abre este ciclo de visitas guiadas especiais. Catedrático Emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano e reitor, Villares é hoxe un dos historiadores máis destacados de Galicia.

As persoas asistentes a esta visita poderán coñecer, de primeira man e cun guía de excepción, o proceso de traballo e conceptualización da exposición e tamén o devir desta institución de espírito estudantil e afán investigador que impulsaría de xeito determinante a modernización cultural e científica de Galicia.

Calendario de visitas guiadas

O martes 24 de outubro será a quenda da vicepresidenta do Museo do Pobo Galego —unha das institucións herdeiras do Seminario—, María Xosé Fernández Cerviño e, xa en novembro, o ciclo continuará o martes día 7 cunha visita conducida polo presidente da Fundación Castelao e un dos asesores documentais da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane.

As dúas últimas quendas serán para o presidente do novo Seminario de Estudos Galegos, o científico e escritor Francisco Díaz-Fierros Viqueira —o 14 de novembro— e para o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, Henrique Monteagudo —o 21 de novembro—. Todas as visitas serán ás 17,00 horas e de balde, e para asistir cómpre facer a reserva de praza na web da cidadedacultura.gal.

Programación didáctica

A partir da vindeira semana, o Museo Centro Gaiás convértese tamén nun enorme taboleiro de xogo onde a rapazada descubrirá e interpretará o mundo, experimentando con diferentes linguaxes e achegándose dun xeito lúdico á nosa historia e ao espírito aberto, integrador e científico do Seminario de Estudos Galegos.

O empeño por coñecer Galicia, por divulgar a cultura e o patrimonio e a aposta pola ciencia como vía de progreso foron os sinais de identidade que un século atrás marcaron o traballo dos integrantes do Seminario, e esa mesma paixón será recuperada polos nenos e nenas participantes en dous obradoiros didácticos, impartidos en colaboración coa Fundación Castelao, nos que descubrirán a exposición Luz na Terra coa súa propia ollada.

Baixo os títulos O mundo invisible e O espírito innovador, desenvolveranse en catro domingos diferentes (22 de outubro e 5, 12 e 19 de novembro) entre 11,00 e 13,00 horas, con entrada de balde previa inscrición a través de Ataquilla.com ou cidadedacultura.gal.

A proposta compleméntase coas actividades do programa Experimentia, o espazo didáctico do Museo Gaiás que nas súas quendas de novembro prestará unha atención especial tamén a esta mostra. Ambas propostas infantís están encadradas no Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2023