Comesaña destaca os avances farmacolóxicos que se están a producir no tratamento das enfermidades reumáticas

O conselleiro de Sanidade inaugurou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a xornada de conferencias organizada pola Asociación de Enfermos de Artrite Pontevedra

Desde o ano 2020, o Servizo Galego de Saúde rexistrou máis de 600 ingresos por artrite inflamatoria

O titular da Sanidade galega avoga por continuar co traballo colaborativo entre profesionais, asociacións e pacientes, para mellorar calidade de vida das persoas que padecen algunha destas doenzas

Vigo, 14 de outubro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou está mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro, a xornada de conferencias organizada pola Asociación de Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO), na que se abordaron as terapias, tratamentos e últimas novidades vencelladas á enfermidade reumática. Así, o titular da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor os avances farmacolóxicos que se están a producir no tratamento deste tipo de enfermidades.

Desde o ano 2020, o sistema público sanitario galego rexistrou máis de 600 ingresos por doenzas asociadas á artrite inflamatoria (artrite xuvenil, artrite reumatoide, espondilite anquilosante, espondilopatías inflamatorias, ou artrite psoriásica). Porén, o responsable da Sanidade galega avogou por continuar co traballo colaborativo entre profesionais, institucións, pacientes e asociacións, un labor que agradeceu ao contribuír na mellora da calidade de vida das persoas que padecen estas patoloxías, e ao promover a toma de decisións compartida.

Acompañado pola presidenta da Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO), Mabel Avendaño, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; Comesaña incidiu en que a Xunta de Galicia traballa en prol do sistema sanitario de calidade e sostible, apostando polo emprego de fármacos biosimilares para o tratamento das enfermidades reumáticas.

Os medicamentos biosimilares, obtidos a través da biotecnoloxía, conteñen unha versión da sustancia activa do medicamento biolóxico orixinal e están autorizados coas mesmas garantías de calidade e seguridade ca os medicamentos biolóxicos de referencia.

O dinamismo que se está a producir no desenvolvemento das terapias farmacolóxicas dos reumatismos fai que o Servizo Galego de Saúde estea incorporando de forma áxil e equitativa a innovación terapéutica, así como actualizando constantemente as súas guías e protocolos de traballo para adaptalos as necesidades dos pacientes, e de acordo ás recomendacións da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica.

Data de actualización: 14/10/2023