Os Premios da Cultura Galega 2023 recaen en Yolanda Castaño, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, Pistacatro, a Banda de Música Unión de Guláns, Portocabo, Ponte...nas Ondas!, Eduardo Pardo de Guevara e os curso de verán Galego sen fronteiras

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse hoxe para distinguir os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
 

O Goberno autonómico recoñece un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia

 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023   O xurado dos Premios da Cultura Galega 2023 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.  

Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: 

Categoría
Premiado/a
Letras
Yolanda Castaño
Artes Visuais
Museo do Gravado á Estampa Dixital
Artes Escénicas
PistaCatro
Música
Banda de Música Unión de Guláns
Audiovisual
Portocabo
Lingua
Ponte...nas Ondas!
Patrimonio Cultural
Eduardo Pardo de Guevara
Proxección Exterior

Cursos de verán Galego sen fronteiras

Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Fina Casalderrey, en representación da Real Academia Galega; Elena Vázquez Cendán, do Consello da Cultura Galega; Ramón Yzquierdo Perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes; Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago; Carla Reyes, presidenta da asociación Executivas de Galicia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, e Estíbaliz Veiga, actriz, presentadora, pedagoga teatral e guionista.

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.  

Hai información ampliada sobre cada un dos premiados no dossier que se pode descargar nesta nova .

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023