Rueda anuncia que a Xunta aproba o orzamento máis alto da historia que ascende a 13.257 M€

Destaca que, un ano máis, se dea luz verde os orzamentos “en tempo e forma” e subliña que Galicia “é unha das primeiras comunidades en aprobar as contas para 2024”

Subliña que medran un 5% con respecto ás vixentes e sen “recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos”

Resalta que a Xunta aposta por unhas contas “prudentes e realistas”

O conselleiro de Facenda destaca que con estes orzamentos “invístese en persoas, en futuro e en estabilidade”

O Goberno galego reforza un ano máis o gasto social que supera os 9.700 M€, e será o máis alto da historia da Comunidade

Destinanse máis de 2.800 millóns a investimentos, un 2,4% máis que no 2023 cun esforzo investidor acumulado nesta lexislatura que supera os 10.500 M€

Os orzamentos do vindeiro ano consolidan todas as rebaixas fiscais en vigor e inclúen dous novos incentivos para a compra de inmobles e automóbiles usados
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu luz verde hoxe ao Proxecto de lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2024, “os máis altos da historia de Galicia con 13.257 millóns de euros”. “Galicia é unha das primeiras comunidades en aprobar os seus orzamentos para 2024 e, un ano máis, facémolo en tempo e forma”, subliñou.

Rueda resaltou que o Goberno galego segue “a súa folla de ruta de estabilidade”. Por iso, hoxe aprobou uns orzamentos que medran un 5% respecto a 2023 e que teñen como prioridade “o crecemento estable, a creaciónde emprego, o reforzo dos servizos públicos, o apoio a familias e empresas e o impulso decidido de proxectos transformadores”.

Tal e como explicou, estes orzamentos consolidan todas a rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso “sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos”. “Son unhas contas prudentes e realistas”, destacou.

Estabilidade, persoas e futuro

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou que os recursos orzamentarios de 2024 están orientados a tres obxectivos principais: “investir en estabilidade, investir nas persoas, e investir no futuro”.

Así, explicou que os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas. Corgos destacou que investir en estabilidade “permite ter contidos os gastos en xuros cun aforro de 490 M€ na lexislatura”; ser a comunidade autónoma que menos incrementou a débeda desde o ano 2008; ou estar entre as comunidades con menor necesidade de esforzo para a consolidación fiscal.

En segundo lugar, os orzamentos permitirán investir nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión. Neste marco, destinaranse 255 M€ a atención hospitalaria; 61 M€ para infraestruturas e equipamentos en atención primaria; 27,5 M€ para a construción de vivendas en alugueiro social; 25 M€ para o programa de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio; 16,2 M€ para o bono deportivo; 14,8 M€ para o centro de protonterapia; 14,5 M€ para a inclusión social de colectivos vulnerables; 7,7 M€ para redimensionar a oferta de formación profesional; o bono coidado universal para persoas con dependencia atendidas no seu domicilio de 5.000 € ao ano; ou o complemento de 1.200 € para as persoas que reciban unha axuda para residencias privadas.

E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Neste bloque inclúense 14,3 M€ para o Centro de Ciberseguridade de Galicia e xestión intelixente; 14 M€ para emprendemento e competitividade; 9,1 M€ para a descarbonización das pemes e incentivos ás enerxías renovables; 8 M€ para o polo de tecnoloxías cuánticas; 5 M€ para o Centro de formación avanzada en transición dixital e verde na Cidade das TIC; 12 M€ para a promoción da Tenreira Galega; ou 11 M€ para investimentos en tecnoloxías forestais.

O maior reforzo do gasto social e dos investimentos

Tal e como explicou Rueda, os Orzamentos de 2024 reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.774 millóns de euros (1.234 millóns máis que hai tres anos) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.

Rueda salientou que “por primeira vez se destinarán máis de 5.000 millóns de euros á sanidade pública”. Pola súa banda, Corgos engadiu que “tanto o ensino coma as políticas sociais terán máis recursos que nunca” con 2.858 millóns ao ensino público, 1.303 a políticas sociais. A eles hai que engadir 448 millóns para o emprego.

Por outra banda, o proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta inclúe tamén un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.838 millóns de euros para investimentos, un 2,4% máis que no 2023. Se se ten en conta o esforzo investidor acumulado nesta lexislatura, nos últimos catro anos a cifra supera os 10.500 millóns de euros.

Política fiscal e novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, a Xunta conta cun modelo fiscal propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios: os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero.

Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento. Neste marco, hai que lembrar que a Xunta xa aprobou en materia de IRPF catro rebaixas do tramo autonómico desde o ano 2014 grazas ao que Galicia se sitúa hoxe como a 3º comunidade autónoma con mellor tratamento fiscal para rendas de ata 20.000€. É ademais, a comunidade con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións, pois o 99,9% das herdanzas de un familiar directo non tributan; e foi pioneira en España en implantar un programa: ‘Impostos 0 no Rural’.

Como novidade, na declaración do IRPF do ano 2024 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500€. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución, incrementarase noutros 250€.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9% ao 8%), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3%), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’.

En definitiva, tal e como salientou Corgos son unhas contas con máis recursos ca nunca, que invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes e que consolidan os beneficios fiscais para os galegos e as galegas; que invisten nas persoas co reforzo dos servizos públicos e o apoio aos que máis o precisan; e que invisten no futuro con investimentos produtivos en transición verde e dixital para sentar as bases do crecemento e do emprego futuros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023