Máis de 6000 escolares participaron no III Concurso Ciberseguridade no cole!, que celebra a súa final no encontro CIBER.gal

Terá lugar o vindeiro 3 de novembro e será presentada pola comunicadora galega Es-ther Estévez

O obxectivo deste certame é concienciar aos escolares dos riscos no uso da tecnolo-xía e ensinarlles boas prácticas en materia de ciberseguridade

O III Encontro CIBER.gal aborda os retos da ciberseguridade coa participación de 50 profesionais de referencia neste ámbito como o hacker Chema Alonso, os responsa-bles de Ciberseguridade de Renfe, Iberia, Microsoft e Google, ou o director da Cyber-zaintza, entre outros

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de novembro con límite de prazas para a asistencia presencial

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2023 A terceira edición do “Concurso Ciberseguridade no cole!” acadou un récord de participación con máis de 6.000 escolares de 120 educativos rexistrados. O certame, unha das actividades do Encontro CIBER.gal, vén de celebrar a semifinal en liña, na que se clasificaron coma finalistas os seis centros que participarán na final presencial, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará a comunicadora galega Esther Estévez.

Os centros finalistas da categoría de primaria son o CEP Carlos Casares – Alxén, o CPR Plurilingüe San Fermín e o CPR San Francisco de Vilagarcía de Arousa. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Montespiño, o IES de Foz e o CPR Plurilingüe Losada. Á final, ademais, dos participantes e finalistas poden asistir as persoas que o desexen previa solicitude a través do mail edg2030.ciberseguridade@xunta.gal.

O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do III Encontro CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais  e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.

Tras a final, os asistentes poderán asistir á obra de teatro “Amanda_T”, que abordará as malas prácticas nas redes sociais e as consecuencias reais que poden ter. A continuación terá lugar unha actividade organizada polo INCIBE: “Sobe de nivel en ciberseguridade!”, na que se amosarán pautas sinxelas sobre a ciberseguridade no uso diario de dispositivos e plataformas online. Nesta actividade poderán participar todos os asistentes presenciais en vivo e en directo, pois tratará de involucrar á totalidade do público alí presente.

Ademais das anteriores, o Encontro CIBER.gal ofrecerá outras actividades complementarias como o concurso “Capture the Flag” -que terá lugar na xornada do 2 de novembro pola tarde, con sorteos entre os participantes e premios para os clasificados- e catro talleres prácticos de especial interese para perfís tecnolóxicos: “Instalación e configuración de Snort sobre raspberry pi para a detección de intrusións en redes industriais”, “Escalada de privilexios e persistencia en sistemas Linux”, “Automatización de ataques e emulación de adversarios con MITRE Caldera” e “Adquisición de evidencias para análise informática forense”. As actividades adicionais contan con prazas moi limitadas, entre 24 e 30 participantes como máximo.

CIBER.gal, cita de referencia

A terceira edición de CIBER.gal celebrarase os vindeiros días 2 e 3 de novembro e contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Mi-crosoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén intervirán diferentes responsables de entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade). Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais. Toda a información sobre o evento está dispoñible no portal https://ciberseguridadegalicia.gal/es/cibergal/encontro-cibergal/2023-iii-encuentro-cibergal.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo.

O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo Ciber.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.

Nodo CIBER.gal

CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.