Rueda viaxará a Suíza e Liechtenstein para reencontrarse coa emigración galega e enxalzar a súa contribución ao mantemento das súas tradicións na diáspora

Participará a vindeira semana en actos de distintos centros e institucións que fomentan a lingua, a arte e a cultura galegas, promovendo que perduren os vínculos da poboación emigrada coa súa terra

Lembrará que todos aqueles que desexen regresar á comunidade contan coa Estratexia Galicia Retorna da Xunta, coa que se pretende facilitar a volta de 30.000 persoas ata 2026
 

Santiago de Compostela,22 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará a próxima semana a Suíza e Liechtenstein para reencontrarse coa emigración galega de ambos países e ser testemuña das actividades que levan a cabo para manter vivas as tradicións da comunidade alá onde se asentaron e contribuír ao crecemento de Galicia desde a diáspora.

Así, o sábado 28 asistirá á celebración do 50 aniversario da Irmandade Galega na Suíza, unha institución que asocia a unhas 300 familias galegas e que desde os seus inicios puxo en valor a lingua, a arte e a cultura galegas, ao mesmo tempo que supoñen un gran apoio moral e social para todos os galegos emigrados no país helvético.

Ao día seguinte, o domingo 29, o presidente Rueda participará na inauguración da nova sede do Centro Español Santo Apóstolo de Liechtenstein, que se convirte na casa común de todos os españois residentes no Principado dos que preto do 90% son galegos, e que agora contará cun local reformado grazas á colaboración económica da Xunta. Ese mesmo día, o titular do Goberno galego manterá un encontro coa colectividade galega na asociación cultural As Xeitosiñas de Zurich, que agrupa ao conxunto dos galegos nesta cidade Suíza e durante máis de 40 anos traballa en favor do mantemento dos vínculos sociais, culturais e económicos do pobo suízo con Galicia.

Alfonso Rueda aproveitará estas citas para comprometer o apoio da Administración autonómica a todos os galegos residentes nestes países e particularmente aos Centros que os acollen e nos que realizan actividades para manter viva a galeguidade. Así mesmo, lembrará que todos aqueles que desexen retornar a Galicia tamén contarán coa Xunta a través da Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende facilitar a volta de 30.000 persoas ata 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2023