O presidente da Xunta participa na entrega de medallas do 7º campionato galego de Formación Profesional Galiciaskills 2023

Rueda pon en valor o magnífico sistema de FP que existe en Galicia grazas ao labor da comunidade educativa, as empresas e as familias

Destacou o feito de que hoxe en día os ciclos de Formación Profesional sexan a primeira opción para moitos, algo que fai sentirse “orgullosos”

Salientou o éxito da FP Dual que fai que moitas empresas acollan en prácticas ao alumnado ou están esperando a que remate os estudos para contratalo
 

Silleda (Pontevedra), 27 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o magnífico sistema de FP existente na comunidade, froito da aposta da Administración, os centros educativos e o profesorado, as empresas e as familias. “Creo que esa revolución da FP que iniciamos hai uns anos agora está na súa máxima potencia e o que lle queda por diante é unha revolución intelixente, que necesita de xente que crea realmente en que todo isto vale a pena e que aquí está o futuro de Galicia”, indicou.

O titular do Goberno galego participou no acto de entrega de medallas do 7º campionato de Formación Profesional Galiciaskills 2023, ás cales se referiu como “competicións moi duras que supoñen moitas horas de tensión e preparación, pero aquí tamén está a cultura do esforzo”. Neste sentido, quixo dar os parabéns aos preto de 200 estudantes de 84 centros distintos que participaron nas xornadas celebradas desde o pasado mércores en Silleda e, en especial, aos gañadores que agora pasarán ao campionato nacional.

Rueda destacou o feito de que hoxe en día os ciclos de FP sexan a primeira opción para moitos, algo que fai sentirse “orgullosos de estudalos, de ensinalos, de ter fillos e fillas que elixen formarse nalgún dos institutos de Formación Profesional de Galicia”. Ao respecto, salientou que a necesidade do mercado laboral de man de obra cualificada, “sendo cada vez máis as industrias punteiras que están chegando a Galicia e as que levan moito tempo e están medrando que necesitan xente”, facendo referencia tamén á relevancia que acadou a FP Dual que permite aprender un oficio desde o principio.

“Xa hai moitísimas empresas que vos acollen a todos nesa FP Dual ou están esperando a que rematedes os vosos estudos para empezar a tervos nos seus cadros de persoal, o que é a mellor mostra de que aquí as cousas se están a facer ben”, manifestou.

Actualmente, as taxas de inserción laboral sitúanse no 85% no caso da FP ordinaria e do 97% na FP Dual, polo que o Goberno galego seguirá adaptando a educación e as ensinanzas á realidade galega. Así, o vindeiro ano destinará nos Orzamentos autonómicos 30 M€ a esta ensinanza co obxectivo de incrementar os recursos para o alumnado actual e o que está por vir.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023