O presidente da Xunta inaugurou a sede do centro español Apóstolo Santiago en Liechtenstein

Rueda destaca que a Estratexia Galicia Retorna inclúe un cento de medidas laborais, familiares e sociais para fomentar a volta de 30.000 galegos do exterior

Lémbralle a este colectivo de emigrantes que teñen as portas de Galicia abertas
 

Gamprin (Liechtenstein), 29 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 inclúe ata un cento de medidas laborais, familiares e sociais co obxectivo de fomentar a volta de 30.000 galegos e galegas do exterior nos vindeiros catro anos. 

Así o destacou o mandatario galego durante a súa participación na inauguración da  nova sede do centro español Apóstolo Santiago, localizado na localidade de Gamprin, en Liechtenstein. No acto tamén interviñeron o cónsul xeral de España en Zúric, Francisco José Rabena; a ministra de Asuntos Exteriores, Educación e Interior de Liechtenstein, Dominique Hasler; e o alcalde de Gamprin, Johaness Hasler. 

O titular do executivo galego lembroulles ao colectivo de emigrantes que teñen as portas de Galicia abertas, e que contan co apoio da Xunta a través de diversas medidas que se inclúen na citada Estratexia, como a oferta de contratos estables para cubrir vacantes en empresas galegas, as axudas ao emprendemento, as bolsas para que mozos e mozas da Galicia exterior estuden másters ou ciclos de Formación Profesional na comunidade. Ademais, neste senso, lembrou que teñen á súa disposición oficinas integrais de asesoramento. 

Durante a súa intervención, Rueda gabou o espírito de comunidade deste centro español, cuxos membros colaboraron de forma voluntaria para reformar e poñer en marcha a súa nova sede.  

O Centro Español Santiago Apóstolo conta con 169 socios, dos que 149 son galegos, maioritariamente da Costa da Morte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2023