A delegada da Xunta en Ferrol recibe ás novas persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior no Campus Industrial
As bolsas BEME, cunha dotación económica que pode alcanzar os 12.500 euros, están destinadas a cubrir gastos de matrícula, desprazamento, aloxamento e manutención durante a realización de mestrados nas universidades públicas de Galicia
Ferrol, 6 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu hoxe a benvida aos dous alumnos que cursarán os seus mestrados no Campus Industrial, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que este ano acadan a súa décima edición.
Este programa da Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzando os vínculos coa súa terra. Das preto de 250 persoas beneficiarias en toda Galicia neste curso 2026-2027, a maior parte procede de América Latina, como é o caso destes dous estudantes, que chegan dende Cuba.
Aneiros destacou esta iniciativa como “algo máis que unha oportunidade formativa”, describíndoa coma un “intercambio cultural e volta ás raíces”. Aproveitou tamén para desexarlles aos bolseiros unha boa estadía na cidade e sorte nos mestrados de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade e de Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns.
As BEME
As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar. Destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.
A acción enmárcase na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.