A Xunta fomenta a práctica deportiva entre a rapazada galega co Bono Deporte

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse con federacións deportivas en Vigo para informar das características desta nova axuda de 120 euros

A medida permitiralles ás familias sufragar as compras de material e equipamento, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas

Cun orzamento de 16,2 millóns de euros, entrará en vigor en xaneiro e poderán beneficiarse uns 135.000 deportistas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 30 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse hoxe en Vigo con distintas federacións deportivas para abordar as vantaxes do novo Bono Deporte. A iniciativa da Xunta entrará en vigor en xaneiro e permitiralles ás familias sufragar gastos en deporte dos seus fillos e fillas de entre 6 e 16 anos que estean federados nalgunha disciplina ou inscritos no programa Xogade.

Segundo sinalou Diego Calvo, o encontro enmárcase na rolda de contactos que está a realizar para trasladarlles de primeira man ás federacións galegas as características desta nova medida de apoio ao deporte, dotada cun orzamento de 16,2 millóns euros e coa que se prevé chegar a máis de 135.000 deportistas. Así, as familias disporán de bonos de 120 euros cos que poderán cubrir ata o 80% dos gastos relacionados coa actividade deportiva da rapazada.

Ao encontro, no que tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron representantes das federacións de automobilismo, baloncesto, béisbol, billar, bolos, ciclismo, deporte adaptado, hípica, montañismo, motociclismo, motonáutica, orientación, petanca, squash, surf, tenis, tenis de mesa, tiro ao voo e xadrez.

O vicepresidente indicou que o funcionamento do Bono Deporte é similar a outras iniciativas promovidas polo Goberno galego, como o Bono Cultura ou o Bono Comercio. Nesta liña, o primeiro paso darase proximamente coa publicación da orde de adhesión dos establecementos comerciais e entidades prestadoras do servizo, entre as que figuran as federacións deportivas.

O lanzamento do Bono Deporte enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024. “Buscamos así fomentar o deporte base e a actividade física entre a poboación máis nova, para o seu desenvolvemento integral cunha vida saudable e nos valores que representa a práctica deportiva”.

Diego Calvo informou tamén as federacións do orzamento co que contará o deporte galego o vindeiro ano a través doutras medidas. Así, destacou os 8 millóns de euros destinados a apoiar o tecido asociativo, no que xogan un papel fundamental estas entidades “coas que seguiremos colaborando a través de convenios que suman 5 millóns de euros para o desenvolvemento da súa actividade e a adquisición de equipamento”, apuntou. Ademais, a Xunta investirá 17,5 millóns de euros na creación e mellora de infraestruturas deportivas nas catro provincias galegas.

Para o vicepresidente primeiro, os orzamentos de 2024 reflicten a aposta da Xunta tanto polo deporte galego como polos seus deportistas, cun orzamento global récord de 56 millóns de euros e que representa unha suba do 28% con respecto a este ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/10/2023