Román Rodríguez anima aos galegos no exterior a retornar para estudar como xa fixeron 1.200 persoas

O conselleiro de Educación presenta en Bos Aires e Montevideo as bolsas que a Xunta ofrece para cursar ensinanzas de FP e másteres universitarios

Avanza que o programa Retorna Talento FP recibiu un cento de solicitudes
 

Montevideo (O Uruguai)

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anima aos galegos no exterior a volver a Galicia para estudar a través das posibilidades que ofrece a Estratexia Galicia Retorna, que inclúe ata un cento de medidas dirixidas tanto ao ámbito académico como ao laboral, familiar e social.

Fíxoo hoxe durante a presentación, aos estudantes do Colexio Cervantes de Montevideo, das bolsas que a Xunta ofrece para cursar ensinanzas de FP e másteres universitarios a través desta estratexia, e que permitiron volver xa a 1.200 persoas. Este acto de difusión súmase ao realizado tamén no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires.

O responsable de Educación da Xunta destacou a boa acollida este ano das bolsas Retorna Talento FP, que comezarán a funcionar nas vindeiras semanas e para as que se recibiron un cento de solicitudes. Como explicou, coas iniciativas piloto desenvolvidas nos últimos cursos, 59 rapaces tiveron a oportunidade de volver a Galicia para formarse a través destas axudas. Dada a súa boa acollida, a partir deste curso formalízase cun programa estable e amplíase a FP Dual, modalidade cunha empregabilidade do 100%.

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa nas súas dúas vertentes. A modalidade A contempla bolsas para estudar programas específicos básicos de FP con bolsas de 6.500€ por alumno, mentres que na B as axudas son para cursar ciclos de FP Dual, na que colaboran 25 empresas, cunha bolsa de 10.800€ por estudante.

Bolsas BEME

Román Rodríguez explicou que a Xunta ten tamén un programa para cursar másteres nas universidades galegas, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), unha convocatoria anual de 250 axudas cun investimento superior a 2,5M€ e dirixidas aos galegos que residan no estranxeiro e teñan unha titulación universitaria de grao ou equivalente.

A través delas, poden cursar algún dos 92 másteres da convocatoria de diferentes áreas (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas así como Enxeñería e Arquitectura) nunha das tres universidades públicas de Galicia.

Data de actualización: 30/10/2023