Miranda destaca a contribución dos cociñeiros galegos na proxección exterior de Galicia: “Sodes os nosos grandes embaixadores”

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou en Ourense, no acto de entrega dos Pratos de Ouro de Radio Turismo no 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar

Ourense, 3 de novembro de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta tarde na entrega dos Pratos de Ouro que Radio Turismo organizou en Xantar, no 24º Salón internacional de Turismo Gastronómico,  destacando a labor da colectividade galega no exterior na difusión da nosa cultura da que a nosa gastronomía é un expoñente esencial.

Durante o acto, o secretario xeral destacou o labor dos cociñeiros galegos como os grandes embaixadores de Galicia no exterior, resaltando a súa contribución esencial na difusión da cultura galega, especialmente a través da gastronomía. Estes chefs, presentes neste salón, son un expoñente fundamental da calidade culinaria de Galicia e promoven os seus sabores nos cinco continentes, facendo honra á rica herdanza culinaria da comunidade autónoma.

O secretario xeral tamén fixo un recoñecemento as entidades galegas do exterior, que contan con numerosos locais de restauración, converténdose en referencia dos nosos produtos e en embaixadores e promotores dos nosos pratos e da nosa calidade culinaria, dándoa así a coñecer nos cinco continentes.  

Ao mesmo tempo, Roríguez Miranda subliñou a importancia da colaboración bidireccional na promoción da gastronomía galega, xa que, por unha banda, envíanse cociñeiros ao exterior para que dean a coñecer a nosa rica gastronomía nos centros galegos de tódolos países do mundo, e por outra, tráense aos cociñeiros destes centros a Galicia para que coñezan a nosa gastronomía actual e as novidades culinarias que estamos a desenvolver. Esta interacción entre cociñeiros galegos no estranxeiro e en Galicia fortalece os lazos culturais e culinarios, promovendo a excelencia gastronómica da rexión en todo o mundo.

Finalmente, Antonio Rodríguez Miranda recordou que os galegos do exterior “non só botan de menos a terra senón tamén os sabores e os produtos que se cociñan nela, e poder dalos a coñecer nos seus lugares de residencia é un xeito de por en valor a Galicia, converténdose tanto eles como as propias entidades galegas en prescritores internacionais da nosa cultura gastronómica”.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023