Intervención do presidente da Xunta de Galicia

Declaración institucional en defensa do equilibrio da España autonómica

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Ao longo das últimas semanas, no contexto das negociacións para a investidura do candidato á Presidencia do Goberno central, estanse a abrir varios debates que afectan directamente ao presente e o futuro do modelo territorial de España e tamén ao peto das galegas e galegos.  

Tal e como avancei no Parlamento autonómico e no Senado, Galicia non vai estar calada nin vai ser convidada de pedra ante unhas decisións que afectan moi directamente aos piares do Estado das Autonomías.  

Non estamos falando de cuestións políticas de curto percorrido, tampouco estamos falando de debates teóricos que non teñen translación na vida real, nin tampouco falamos de asuntos que só incumben aos habitantes dun territorio determinado sen influencia nos demais.  

Do que estamos a falar, o que se está a negociar nestes momentos de xeito bilateral, é nin máis nin menos que a modificación dos principios que guiaron a España autonómica ao longo das últimas décadas. Estamos a falar dos lazos de fraternidade que unen a uns españois con outros. Estamos a falar da credibilidade das institucións e do imperio da lei e do ordenamento xurídico. E estamos a falar dos criterios de distribución dos recursos que son de todos e, por tanto, deben ser repartidos entre todos. 

En resumidas contas, a igualdade entre todos os cidadáns, nacesen onde nacesen, vivan onde vivan e pensen como pensen. De todo iso é do que estamos a falar. 

Onte, 2 de novembro, coñeceuse o texto do acordo entre dúas forzas políticas, o Partido Socialista Obrero Español e Esquerra Republicana de Catalunya. Neste acordo a investidura queda condicionada ao cumprimento dunhas cláusulas que, de levarse a cabo, suporían sen ningunha dúbida un importante agravio para Galicia.  

Na práctica, este acordo suporía a transformación da actual España autonómica nun modelo de Estado radicalmente distinto. Nun modelo que estaría baseado na asimetría entre os diferentes territorios que conforman a nación; no aumento dos privilexios duns poucos en detrimento dos dereitos do resto; e sería exactamente, como anticipáramos ao longo destas semanas de opacas negociacións, a materialización daquilo que negaran con vehemencia e repetidamente os representantes do Executivo central. 

O pacto que estamos coñecendo recolle que a Administración Xeral do Estado vai asumir parte da débeda que ten con el a Comunidade Autónoma de Cataluña: 16.300 millóns de euros (15.000 millóns correspondentes á débeda principal e 1.300 que virían do aforro en intereses que esta asunción por parte do Estado lle suporían á Comunidade autónoma de Cataluña). 

Para poñelo en perspectiva e que se entenda ben. Estamos falando de que sería o equivalente ao orzamento íntegro da Xunta para todo un ano e a maiores, un trimestre; para quince meses. Estamos falando do que supón o que custa prestar todos os servizos públicos desenvolvidos pola Xunta de Galicia: a Sanidade, Educación e os Servizos Sociais. Todos eles prestados durante máis de quince meses.  

Tamén cita este pacto unha difusa e inconcreta vontade de intentar compensar ao resto de comunidades autónomas. Pouco sabemos disto, máis que unha declaración de intencións. Mais o pouco que se intúe desta vontade permite adiviñar un novo agravio para Galicia, que nos veriamos prexudicados por facer nestes anos o que se espera dunha Administración responsable: limitar o noso nivel de endebedamento, que foi o que menos creceu de toda España, e foi todo o contrario do que fixo o independentismo catalán.  

Falemos claro, porque hai que falar claro. Non pode chamarse condonar o que realmente é mutualizar. Non podemos chamar condonar o que se vai facer; que é repartir entre todos os españois, e por tanto entre todos os galegos, a débeda acumulada por unha soa Comunidade Autónoma.  

O que se vai facer é asignarnos aos que xestionaron con máis responsabilidade os excesos dos que foron irresponsables nesta xestión. O que se vai facer é distribuír entre todos a débeda de Cataluña. E isto suporá para cada galego asumir unha carga adicional de máis de 400 euros dunha débeda que non é nosa. Estamos falando de máis de 1200 millóns de euros que tería que asumir Galicia como factura que nos correspondería a toda a comunidade autónoma por unha débeda que nós non xeramos. É aproximadamente o coste de soster os servizos sociais durante todo un ano. 

É dicir, Galicia vese especialmente castigada por unha solución inxusta e que supón un pésimo incentivo ademais para os xestores públicos responsables, como foi a Xunta durante todos estes anos. 

E ademais os efectos perniciosos deste acordo van moito máis alá deses 16.300 millóns de euros. Con este pacto bilateral quedan ademais especialmente e gravemente erosionados dereitos dos cidadáns de toda España, que están recollidos claramente e nitidamente no marco constitucional e na Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas: a suficiencia, a responsabilidade financeira e a solidariedade entre territorios.  

Este tipo de arranxos volven traer á palestra a urxentísimo necesidade, visto o que estamos vendo, de reformar xa o sistema de financiamento autonómico. Simplemente para que este siga respondendo con eficacia e equidade ás necesidades do conxunto dos cidadáns, e non ás necesidades dun grupo ou dun territorio concreto. Este novo modelo que Galicia reclama debe nacer dun consenso multilateral. E non hai outro lugar para acadalo que no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, ao contrario dos pactos bilaterais que estamos presenciando. 

Ademais, as liñas mestras do que debería ser este pacto xa están esbozadas na Declaración institucional Foro Santiago, Camino de Consenso, que rubricaron oito presidentes autonómicos en Santiago en novembro de 2021, de diferentes signos políticos, pero orientados todos pola solidariedade interterritorial. Cremos que mantén a súa vixencia renovada agora mesmo moito máis ca nunca. Este pacto vén a dicir, e é o que defende Galicia, que o que é de todos decídese entre todos. Non se pode decidir a porta pechada entre dous partidos políticos. Iso nunca se pode facer. Por iso esiximos a convocatoria urxente da Conferencia de Presidentes para debater conxuntamente, e sen exclusións, sobre o futuro da España autonómica e do seu equilibrio financeiro. 

O documento coñecido onte tamén recoñece un “problema de infraexecución de investimentos en materia de infraestruturas”. Pode ser un diagnóstico acertado, pero se falamos do conxunto do territorio de España e, polo tanto, incluímos a Galicia, en ningún caso pode ser un diagnóstico acertado se se limita e se actúa só sobre unha única comunidade autónoma, como fai este pacto. 

 

Non podemos nin entender, e moito menos compartir, que se acorde o traspaso integral das cercanías ferroviarias e a inxección adicional de 132,7 millóns de euros á Generalitat de Catalunya, mentres que en Galicia todos percibimos como se acumulan os retrasos na entrega dos novos trens de alta velocidade; como permanece conxelada, sine die e sen noticias, a conexión ferroviaria con Portugal -mentres Portugal segue avanzando-; como segue aparcado o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías -sen que teñamos ningunha noticia máis alá de desprezos institucionais-; como as autovías de competencia estatal que atravesan o noso territorio (fundamentalmente a A-6) se atopan nun deplorable estado de conservación e como se consuma a negativa, unha vez máis, do Goberno central á transferencia completa da AP-9 á nosa comunidade autónoma, aprobado, por certo, por unanimidade no Parlamento galego. 

Previsiblemente, os acordos que coñecemos onte se completarán en próximas datas con outros igualmente desequilibrantes e inxustos para Galicia, e así ata acadar a maioría que busca Pedro Sánchez. Descoñecemos aínda o montante total desa investidura insolidaria e asimétrica, tanto a nivel económico como xurídico. Pero sabemos con certeza, polo que coñecemos e polo que intuímos, que será especialmente inxusta para Galicia.  

Esta desigualdade de trato non se limita á distribución dos fondos, senón que se pretende que condicione tamén a aplicación do conxunto do ordenamento xurídico. A extrema lasitude coa que se interpreta a Constitución, que se intenta amoldar para responder ás inquedanzas do independentismo catalán, transfórmase en férrea ortodoxia e inflexible contundencia para atacar a lexislación autonómica desenvolvida no ámbito das nosas lexítimas competencias. Acabamos de velo coa Lei do litoral recorrida con máxima rapidez e nula vontade negociadora ante o Tribunal Constitucional. 

España non pode ser unha nación asimétrica. Non nos convencerán de que o prezo da convivencia pasa por sacrificar a igualdade entre españois, e polo tanto tamén entre galegos. Ningunha investidura de ningún candidato a ningún cargo público vai valer xamais tanto como iso. 

A clave da cohesión da España actual é a solidariedade entre territorios, que é o contrario do transvase de recursos duns en detrimento doutros por criterios simplemente políticos e personalistas. Cando este equilibrio se rompe, non triunfa ningunha comunidade: perdemos todas. 

Galicia non asistirá con resignación e en silencio á substitución do Estado das Autonomías tal e como o coñecemos hoxe por un réxime de intereses ideolóxicos, partidistas e persoais.  

E desde logo, é ofensivo o xeito en que algunha determinada forza política en Galicia acepta que con cuestións absolutamente menores e prometidas reiteradamente se pretenda compensar un pacto como o que onte coñecemos. Reclamamos un trato autenticamente equitativo e un sistema de financiamento que garanta que os servizos públicos e as infraestruturas cumpran cos mesmos estándares de calidade en todo o territorio nacional. Galicia vai seguir sendo leal, o que non vai ser, en ningún caso, é submisa.  

A voz das galegas e os galegos escoitarase con toda claridade, con toda contundencia e coa autoridade moral que dá a unidade e o respaldo, estou seguro, da gran maioría da sociedade galega. Esta fortaleza das institucións do noso autogoberno é o que nos move. As nosas institucións e a nosa cidadanía son exactamente igual de lexítimas que a das comunidades autónomas do resto de España, e por suposto tamén que as das comunidades autónomas ás que claramente se pretenden privilexiar por riba das demais para lograr a investidura do Presidente do Goberno. Polo tanto, e a partir de agora con máis forza que nunca, defenderemos a dignidade de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023