O conselleiro de Educación visita as actividades prácticas que se desenvolven durante a xornada de hoxe na Cidade da Cultura

Preto de 400 alumnos participan nos obradoiros Dixitalweek da Xunta para mellorar as súas competencias lingüísticas e tecnolóxicas en inglés

Román Rodríguez gaba a importancia desta acción “dobremente beneficiosa” xa que combina “a aprendizaxe oral do idioma coa formación en competencias dixitais”

Este encontro complementa as estadías lingüísticas gratuítas para as familias das que se benefician 1.200 nenos de 6º de Primaria a 4º de ESO

Todos eles gozan dunha semana en réxime de campamento no Centro Residencial de Os Peares, con actividades académicas e accións lúdicas e cooperativas
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

Preto de 400 alumnos de 6º curso de Educación Primaria de 23 centros educativos de toda Galicia participan hoxe nos obradoiros Dixitalweek. Trátase dun encontro que complementa o programa de estadías de inmersión lingüística en inglés vinculadas á actividades dixitais do mesmo nome impulsados pola Xunta de Galicia e no que este outono participan un total de 1.200 alumnos ata 4º curso de ESO.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou os obradoiros, onde puido coñecer de primeira man as destrezas dos rapaces nestes eidos, e onde aproveitou para subliñar a importancia “dobremente beneficiosa” desta iniciativa que combina “a aprendizaxe oral do inglés coa formación en competencias dixitais”.

Neste encontro de hoxe, os alumnos realizan actividades de práctica idiomática en distintos escenarios comunicativos vinculados ás contornas tecnolóxica e científica. A maiores, tamén participan en actividades físicas e de socialización que contribúen a mellorar o traballo en equipo entre os participantes.

Para ilo contan co apoio de profesionais como Manuel Vicente, divulgador e presentador do programa Efervescencia da Radio Galega e premio de Xornalismo Científico en 2018, e Déborah García, química, investigadora, e comunicadora científica, que traballa no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, da Universidade da Coruña.

1.200 alumnos por quendas en Os Peares

Enmarcado tanto na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (Edulingüe), como na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 (Edudixital), o Dixitalweek chega este curso a 1.200 alumnos desde 6º curso de Primaria ata 4º curso de ESO.

Todos eles gozan de estadías dunha semana en réxime de internado con todos os gastos incluídos agás o desprazamento, no Centro Residencial Os Peares, onde participan en actividades académicas enfocadas á mellora das competencias en lingua inglesa e en ciencia e tecnoloxía e supervisadas baixo especialistas nestes ámbitos.

Así pois, desde unha perspectiva activa, lúdica e cooperativa, ao longo da Dixitalweek, os rapaces realizan distintas actividades académicas relacionadas coa contorna tecnolóxica, así como de tempo libre e obradoiros (xogos, veladas e excursións) que, a maiores do eido estritamente académico, lles axudarán á mellora da súa autonomía e á interacción con rapaces de distintas zonas de Galicia.

O programa, que se desenvolve durante este primeiro trimestre do curso, organízase en quendas dunha semana (desde domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá) que se iniciaron en outubro e continuarán ata mediados de decembro. O obxectivo desta estancia é a práctica do idioma inglés e a súa utilización en diferentes contextos para mellorar a comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

Data de actualización: 08/11/2023