A conselleira de Política Social e Xuventude respondeu hoxe a unha pregunta oral en Pleno sobre a situación das persoas inmigrantes trasladadas a Galicia desde as illas Canarias

Fabiola García manifesta a súa perplexidade pola xestión que está a facer o Goberno central da crise migratoria

Criticou que, aínda a día de hoxe, o Executivo central segue sen trasladar a información completa sobre as necesidades destas persoas

Lamentou que se fixeran as cousas mal, ás costas da Xunta e dos concellos, en lugar de actuar de maneira coordinada

Sinalou que, a través de fontes extraoficiais, se tivo coñecemento de que posiblemente hai menores de idade
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, manifestou hoxe a perplexidade coa que a Xunta está asistindo á xestión que o Goberno Central está a realizar dunha das maiores crises migratorias dos últimos anos, en referencia á chegada de persoas inmigrantes ás illas Canarias. Fíxoo nunha resposta oral en Pleno na que criticou que, aínda a día de hoxe, o Executivo central segue sen trasladar a información completa sobre as necesidades destas persoas, impedindo que se lles preste a atención e os coidados oportunos.

Fabiola García lamentou que en vez de actuar de maneira coordinada coa Xunta e os concellos, o Goberno central elixira facer as cousas mal, ás costas das administracións e dos cidadáns. Así, criticou o feito de que este comunicara a súa chegada unha vez que xa estaban varias asentadas na nosa comunidade; que enviara mensaxes contraditorias sobre a localización ou permanencia, e incluso do número que finalmente virán a Galicia.

A conselleira tamén denunciou que non se informara sobre as necesidades sanitarias e asistenciais que poden precisar, así como se entre eles hai menores, como sospeitan dende as entidades sociais.

Fabiola García volveu a reivindicar que Galicia é unha terra solidaria, polo que colaborará ao igual que se fixo coa crise dos refuxiados ucraínos ou afgáns, e que o único que se está a demandar dende a Xunta é información para atendelos do mellor xeito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023