A Xunta pon en marcha novos apoios para impulsar a participación das pemes galegas en programas de financiamento europeos
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na presentación destes novos servizos, que inclúen desde apoio e acompañamento para acceder ás convocatorias europeas ata novas liñas de axudas
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada de presentación dos novos servizos para fomentar a participación das entidades galegas, especialmente das pemes, en programas de financiamento da I+D+i europeos. Estes novos servizos inclúen apoio e acompañamento para acceder ás convocatorias europeas, accións informativas e de posicionamento e novas liñas de axudas, financiadas con fondos FEDER 2021-2027.
Argerey inscribiu estes apoios no obxectivo de posicionar Galicia a nivel internacional como un territorio excelente no ámbito da I+D+i e impulsar a visibilidade e apertura internacional do ecosistema galego de innovación. Para iso, sinalou que se fai preciso seguir aumentando a participación galega nos programas de financiamento europeos, unha tendencia que se vén consolidando nos últimos anos.
Argerey apuntou que a captación de fondos nos programas de I+D+i europeos por parte das entidades galegas foi moi positiva, pasando de 87 millóns de euros no VII Programa Marco a 191 millóns de euros en Horizonte 2020. Esta mellora foi tanto cualitativa (actividades lideradas por entidades galegas) como cuantitativa (porcentaxe de fondos captados polas entidades galegas respecto do total). A taxa de éxito das pemes galegas tamén mellorou notablemente, mais segue por debaixo da media nacional e europea. Para fomentar a súa participación, impulsáronse estes novos instrumentos de apoio, especialmente pensados para as empresas, en particular, as pemes.
Novos servizos de apoio
Entre os novos servizos de impulso á participación das pemes galegas nos programas de financiamento europeo distínguense servizos de apoio e acompañamento, así como novas liñas de axuda. Os servizos de apoio e acompañamento inclúen o diagnóstico a pemes para coñecer a capacidade de participar en programas de I+D+i europeos; o deseño de itinerarios personalizados a pemes e empresas de capital medio interesadas en participar en proxectos Horizonte Europa (identificación de oportunidades, xeración de ideas, establecemento de redes e colaboracións, estruturación de proxectos e asesoramento na formación de consorcios) para mellorar a calidade das solicitudes, incrementando así as posibilidades de obter financiamento; unha nova edición do “Ciclo Europa”, xornadas informativas para informar das últimas convocatorias de Horizonte Europa; e un servizo de observatorio de convocatorias polo que se elaborarán fichas daquelas relevantes para as empresas galegas.
Ademais, realizaranse accións de busca de socios en Horizonte Europa e de oportunidades de colaboración para as empresas galegas a través do contacto con redes europeas nas que participa a Axencia Galega de Innovación e de posicionamento en Bruxelas, acompañando ás empresas para mellorar o seu coñecemento e situación á hora de formar redes de colaboración.
Por último, financiaranse con fondos FEDER 2021-2027 varios apoios orientados a articular sinerxías e complementariedades cos fondos europeos de I+D+i: bonos para a preparación de propostas a convocatorias europeas de I+D+i a través da contratación de consultoras expertas; rescate de selos de excelencia da Comisión Europea; e cofinanciamento de iniciativas estratéxicas para Galicia que xa conten con financiamento europeo. O formulario de inscrición para acceder a estes servizos xa está dispoñible (primeira data de corte: 22 de decembro) na seguinte ligazón: http://documentos.galiciainnovacion.es/PEMEuropa/.