A Xunta destaca o valor engadido da cooperación descentralizada

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou en Cádiz no Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación ao Desenvolvemento, que se enmarca no programa oficial da presidencia española da UE

Cádiz, 15 de novembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou, xunto con representantes das comunidades autónomas e da Administración Xeral do Estado, no Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación ao Desenvolvemento que se está a celebrar esta semana en Cádiz, organizado pola Junta de Andalucía.

Este encontro, que ten como título O rol das Comunidades Autónomas no Enfoque Global Gateway e Iniciativa Equipo Europa, forma parte dos espazos de coordinación que impulsan anualmente as comunidades en torno á política de cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, intégrase no programa oficial da presidencia española da UE.

O obxectivo concreto deste encontro é o de analizar como impulsar a xeración de alianzas entre as administracións europea, nacional e rexionais para maximizar o valor engadido das capacidades instaladas no sistema español de cooperación ante o novo marco de traballo polo que aposta a UE: o Global Gateway, materializado na Iniciativa Equipo Europa.

Jesús Gamallo participou neste encontro na súa dobre condición de director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, e, polo tanto, responsable da Cooperación Galega, e de representante do Comité das Rexións.  

 

Na súa intervención, destacou que o enfoque estratéxico de Global Gateway complementa e vai en paralelo ao modelo de desenvolvemento horizontal e participativo orientado ao fortalecemento democrático que é propio da cooperación descentralizada española. Sinalou ademais que ambos os enfoques deberían servir de estímulo adicional para reforzar a coherencia do sistema de axudas estatais e para reducir a fragmentación entre administracións.

 

Desde ese punto de vista, o director xeral incidiu en que a mecánica da Iniciativa Equipo Europa e Global Gateway non debería supoñer unha ameaza para a cooperación descentralizada, senón que deberían constituír, cando estean plenamente implantadas, unha boa oportunidade para a súa modernización aumentando a eficiencia, especialización e coordinación dos actores. Nese sentido avogou por afondar na especialización da cooperación descentralizada, como está a facer a Cooperación Galega no ámbitos da pesca e da xestión integral dos recursos hídricos.

 

Encontros de CCAA e Cooperación ao Desenvolvemento

Estes encontros xurdiron no ano 2007 como espazos de debate e reflexión da cooperación descentralizada española co fin de buscar canles para una maior coordinación e complementariedade das accións de desenvolvemento das distintas administracións autonómicas e para formular propostas de traballo conxunto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023